Luís Villares: “Non temos medios para garantir o dereito constitucional a usar o galego na Xustiza”


28 feb 2011


Publicado en www.radiofusion.eu

Luis Villares
“En casa do ferreiro, coitelo de pau”. O refraneiro popular sérvelle ao voceiro en Galicia de Xuíces pola Democracia, Luís Villares, para describir a situación da lingua galega no eido da xustiza. “Por exemplo, non contamos cun programa informático que nos permita tramitar con normalidade os procedementos en galego”, explica o maxistrado. “O resultado - denuncia- é que non podemos garantir un dereito constitucional”.

Nos micrófonos de Radiofusión Luís Villares deixou tamén argumentos a prol da elaboración dun novo Estatuto para Galicia. “En 30 anos mudou a nosa conciencia de comunidade autónoma e capacidade de autogoberno e resulta necesario que o corpo xurídico vaia cambiando cos tempos”, afirma.

O voceiro en Galicia de Xuíces pola Democracia reclama ademais un texto “de vangarda, pensado para a xeración seguinte”. “Temos que ter os últimos estatutos como punto de partida, non de chegada”, argumenta. Se non se cumpre esa regra, Villares entende que a norma “axiña quedará obsoleta”.

Enlace permanente