Non convén folgar


23 feb 2009


Feb23
Artigo de opinión de Xosé Luis Franco Grande

 

Publicado en www.lavozdegalicia.es

 

xose_luis_franco_grande Hai dúas décadas, ou pode que máis, houbo en Vigo dous xulgados de primeira instancia e instrución dos que non me podo esquecer: os asuntos resolvíanse en tan pouco tempo que un sabía que case nos tocaba a lotería se tiñamos a sorte, porque era unha sorte, que os casos fosen parar ás súas oficinas.

Non era un misterio: o que ocorría era sinxelamente que neles a cada escrito que se presentaba había ao día seguinte resolución sobre o que se pedía. Noutras oficinas os escritos amarelecían, como todos os demais papeis xudiciais, esquecidos mentres a resolución chegaba.

Neses dous xulgados, por suposto, non había ordenadores, nin ningún dos demais medios informáticos que hoxe son habituais e que tantos traballos menores, pero imprescindibles, aforran. As máquinas eran as case prehistóricas Olivetti e aínda algunha Underwood.

Por aquel entón cheguei a ter en trámite máis de cinco mil asuntos espallados por todos os xulgados de Galicia e de Madrid. En todos eles os escritos que presentaba remataban poñéndose amarelos ou ruzos, agás neses outros dous a que me refiro: neles o decorrer do tempo tiña un ritmo diferente.

Un día felicitei a un dos secretarios e non me pareceu esaxerado dicirlle que era aquel un dos mellores xulgados de España. Sentiuse ofendido e retrucoume: «¿Cómo o mellor de España? ¡O mellor do mundo!». Pois tiña razón: eran os mellores do mundo. E non se mataban traballando. Só o facían cunha moi racional dedicación.