A quenda de oficio en A Coruña


16 ene 2009


Xan16
Os avogados de A Coruña acordan por aclamación suspender a quenda de oficio ata que a Xunta atenda as súas peticións

 

Publicado en www.europapress.es

 

  • En resposta, Méndez Romeu asegura que se está politizando a quenda de oficio a 45 días das eleccións

 

tsxg A Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de A Coruña decidiu esta tarde por aclamación suspender a partir do 1 de febreiro e de xeito temporal a quenda de oficio, ata que a Xunta escoite as súas peticións.

Segundo informou o avogado Roberto Rodríguez Martín a Europa Press, esta decisión vén motivada porque "tiña que adiantar o diñeiro o Colexio e xa non conta con máis presuposto" e despois de que presentasen á Xunta unha proposta a finais de novembro na que se solicitaba un encontro antes que rematase 2008 sen que recibiran resposta.

Entre as súas propostas está a de que sexa a propia administración autonómica a que aboe directamente o importe dos honorarios do letrado e, no seu caso, esixa o seu reembolso ao beneficiario; así como permitir que o avogado defensor dunha vítima de violencia de xénero poida promover ou iniciar no seu nome o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta. Os avogados pretenden trasladar esta petición á Consellería de Presidencia.

Ademais esixen á Comisión Provincial de Asistencia Xurídica Gratuíta de A Coruña que cando se denegue o dereito de xustiza gratuíta figure a relación de ingresos e recursos tomados en conta para adoptar a decisión; a aprobación dun baremo de compensación económica digno que retribúa axeitadamente todos os servizos prestados polo avogado; a subscrición dun seguro de responsabilidade civil e de accidentes; e un lugar digno onde o letrado poida traballar.

Por último solicitan a Presidencia que aboe os gastos de infraestrutura da quenda de oficio e Servizo de Orientación Xurídica pendentes, "e os derivados das esixencias de especialización e formación", así como que modifique a dotación presupostaria referente á xustiza gratuíta de modo que cubra tanto os gastos do 2009 como a modificación do baremo de compensación económica para os profesionais.

Ao seu xuízo, as propostas que os políticos ofrecen para a xestión da quenda de oficio, "un dereito pero tamén unha obriga", son na maioría dos casos "demagóxicas e electoralistas", e pasan por "cargar a responsabilidade dun servizo público" aos profesionais que os prestan, avogados e procuradores, e aos Colexios Profesionais que o xestionan, "sen que as continuas esixencias se vexan compensadas por unha contrapartida, procedimental e económica, que dignifique a súa actuación".

Así, segundo denunciou Rodríguez, a Comisión Provincial da Xustiza Gratuíta de A Coruña, a pesar dos conflitos que se produciron durante 2007 e 2008 e os acordos alcanzados, "de novo está a denegar o dereito á asistencia xurídica gratuíta no ámbito penal aos imputados, por non achegar documentación, é dicir, sen soporte documental ningún".

Un feito que provoca que os avogados, a pesar de prestar o servizo, non poidan percibir compensación económica con cargo a fondos públicos, nin tampouco do imputado, dada a súa condición de insolvente. Así mesmo, os avogados denuncian que unha reclamación por este motivo nos Xulgados de Instrución "xeraría unha resolución inexecutable que achegaría unha carga adicional de traballo aos xa colapsados órganos".

A resposta da Xunta

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, declarou hoxe en relación ás protestas da quenda de oficio da Coruña que “no Colexio de Avogados da Coruña están persoas que teñen un cargo de representación política e, polo tanto, están influíndo no devir da toma de decisións e trasladando ao procedemento xudicial aspectos propios do debate político”. O dirixente autonómico asegurou que non desexa entrar “nun enfrontamento directo con persoas que teñen a lexitimidade de ser representantes dos colexiados”, pero engadiu que tampouco pode pasar por alto que se intente “politizar a vida colexial dende unha posición sectaria en vésperas electorais, o mesmo que está sucedendo no ámbito do Poder Xudicial”. Neste sentido, Méndez Romeu asegurou que “non é casual que este conflito apareza mediaticamente a 45 días das eleccións”.

A vontade da Xunta é achegar os fondos necesarios “para que os letrados vexan recoñecido o seu esforzo e o seu traballo”, segundo Méndez Romeu, aínda que “a día de hoxe os honorarios que se perciben en Galicia superan a media española”. O conselleiro indicou que ata agora os acordos adoptáronse co Consello da Avogacía e cos Colexios de Avogados e se estes perden lexitimidade é un “problema de representación”. Nos próximos días manteranse contactos directos co Colexio de Avogados da Coruña, coa Comisión da quenda de oficio e cos sete colexios de avogados de Galicia así como cos representantes de avogados dos diferentes partidos xudiciais, segundo anunciou.

Ademais, o conselleiro expresou “un certo grao de perplexidade ante o sucedido onte na asemblea de avogados convocada polo Colexio de Avogados da Coruña”. Neste sentido, declarou que en Galicia se ten aprobado, fai uns meses, a inclusión dos avogados do quenda de oficio na Seguridade Social, “algo practicamente sen precedentes en España”.

O conselleiro explicou que a Xunta está dialogando dende fai meses tanto co Consello Xeral da Avogacía de Galicia -co que chegou a un acordo en decembro- como co Colexio de Avogados da Coruña e coa quenda de oficio -cos que se chegou a un acordo tamén en decembro- e cos demais colexios de avogados.

“Fíxose un conxunto de propostas de mellora que permitan que os colexios reciban a súa retribución de acordo coa Lei sen agardar á liquidación do exercicio e que entrará en vigor este mes de xaneiro e fixéronse propostas relativas á mellora das retribucións pedindo un prazo para experimentar en determinadas localidades, fundamentalmente nas grandes cidades de Galicia, antes de xeneralizar o sistema a todos os partidos xudiciais galegos”, expresou o conselleiro.

“Isto foi aceptado en decembro polos mesmos que hoxe o cuestionan e os acordos, ata agora positivos, co Colexio de Avogados da Coruña e co Consello Galego da Avogacía víronse agora obstaculizados por plantexamentos asemblearios que hai que respectar pero que omiten aspectos importantes do que se está discutindo”.

Ademais, Méndez Romeu lembrou que nos últimos tres anos -en situacións de mellor situación económica das contas públicas, segundo apreciacións do conselleiro- non se amosou “ningunha oposición ao sistema pactado de retribucións que se plantexa no final da lexislatura e no momento peor da economía española cunha presión sobre as retribucións dos servizos do quenda de oficio”.