Aplicación para unha linguaxe non-sexista


19 ene 2009


Xan19
A Xunta impulsa un programa informático para evitar a linguaxe sexista na Admistración

 

Publicado en www.xunta.es

 

exeria

  • A secretaria xeral da Igualdade presentou hoxe a nova ferramenta, que foi elaborado en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria
  • A nova aplicación informática está xa dispoñible no enderezo electrónico http://www.exeria.net/, desde onde pode ser descargada por todas as persoas interesadas

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou hoxe en Santiago a nova aplicación informática para unha linguaxe non sexista no ámbito da Administración, coñecida como EXERIA. Segundo explicou Carme Adán, o obxectivo básico foi elaborar un dicionario/glosario lingüístico de linguaxe non sexista para facilitar a mellora no uso dunha linguaxe non discriminatoria, traballo que a Vicepresidencia da Xunta desenvolveu en colaboración coa Consellería de Innovación e Industria.

Exeria é unha aplicación que facilita a revisión lingüística de textos e ofrece alternativas para un uso non sexista da linguaxe. Ademais, detecta unha serie de termos susceptíbeis dun uso sexista e propón diferentes suxestións e alternativas. O obxectivo principal é orientar na revisión da documentación para xerar discursos en que a linguaxe teña un carácter inclusivo.

A selección de termos está baseada nun uso actual da lingua apoiándose na análise de textos do ámbito da Administración. Unha das principais características desta nova ferramenta é partir dunha tecnoloxía aberta tanto no aspecto informático como lingüístico, o que achega un valor engadido. Esta aplicación intégrase no OpenOffice.org, para permitir a interacción da ferramenta na elaboración de documentos. Dentro da web do proxecto Exeria existe un buscador de termos que permite consultar as solucións ás dúbidas máis habituais.

Demostración práctica
No decurso da presentación fíxose unha demostración práctica do uso desta ferramenta. Así, explicouse que para cada palabra que se detecta incorrecta achéganse ata 5 alternativas de uso, sempre apostando pola palabra máis inclusiva, é dicir, que non ofrece discriminación por razón de sexo. Ademais, EXERIA alerta do resto das palabras da frase que sería preciso cambiar no caso de optar por unha das alternativas do buscador.

Tal como apuntou a secretaria xeral da Igualdade, a nova aplicación está xa operativa e será enviada de inmediato a toda a Administración galega para que poidan usala de contado. Trátase, segundo salientou Carme Adán, dunha ferramenta moi importante para apostar polo uso da linguaxe non sexista, xa que ata o de agora só había guías escritas, mentres que agora se da un paso máis e se aposta polas novas tecnoloxías na busca da igualdade entre homes e mulleres.