A opción á nacionalidade española


4 dic 2008


Dec03
Méndez Romeu asegura que a última reforma lexislativa referente á extensión da nacionalidade é “a máis xenerosa” das que houbo nos últimos 50 anos

 

Fonte: xunta.es

 

Explicou no Parlamento que afectará a entre 120.000 a 140.000 persoas, aproximadamente o 80% dos casos hipotéticos

mendez_romeu O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, lembrou hoxe que nos últimos 50 anos houbo seis modificacións do Código Civil en materia de nacionalidade, e asegurou que a “máis xenerosa” de todas elas é a recollida na disposición adicional sétima da Lei 52/2007 de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e ditadura (Lei de Memoria Histórica).

Segundo explicou no Parlamento, as persoas que agora poderán optar pola nacionalidade son as seguintes:
-Os netos de emigrante que conservaban a nacionalidade española cando naceron os seus fillos.
-Os fillos nados antes do 29 de decembro do 78 de muller española que conservaba a nacionalidade cando naceron estes, é dicir, os netos de emigrante que conservaba a nacionalidade cando nacera a súa filla.
-Os netos de avó ou avoa española exiliados que perderon a nacionalidade antes do nacemento dos fillos.
-Os fillos de pai ou nai españois de orixe ou nados en España que tivesen feito uso do dereito de opción que recoñece o artigo 20.1.b do Código Civil.
-Os fillos menores de idade non emancipados das persoas que opten á nacionalidade española de orixe.

Indicou que isto afectará a entre 120.000 a 140.000 persoas –aproximadamente o 80% dos casos hipotéticos-, se ben recoñeceu que non esgota a totalidade das posibles persoas beneficiarias, xa que existen algúns colectivos que non poden acollerse a esta disposición: os netos de emigrantes que perderan a nacionalidade antes do nacemento dos seus fillos -salvo no caso dos exiliados-; con carácter xeral, os netos de avoa española salvo que perderan ou tiveran que renunciar á nacionalidade en consecuencia do exilio; e os fillos maiores de idade dos que adquiriran a nacionalidade española de orixe en base aos supostos desta disposición.

Méndez Romeu lembrou que a anterior reforma para a extensión da nacionalidade fíxose en 2002, cando gobernaba en España o Partido Popular con maioría absoluta, e que entón este dereito quedaba limitado ás persoas que foran nadas en España.

“Agora fíxose esta extensión nunha lei que coloquialmente chamamos da Memoria Histórica, pero que en realidade é unha lei de compensación moral por feitos que todos coñecemos, e que non tivo o apoio do PP”, sinalou, engadindo que aínda que esta non é unha lei de nacionalidade, aborda tanxencialmente o problema de nacionalidade.

Adiantou que esta reforma non exclúe unha futura lei de nacionalidade, “que probablemente haberá que abordar”, pero é un aspecto do Código Civil cunha “casuística incriblemente complicada”. Destacou que no seu día a Xunta avogou por unha extensión máxima do recoñecemento de nacionalidade, “pero nunha lei estatal foron consideradas máis opinións”.

Neste sentido, explicou que as instruccións para a aplicación desta lei foron obxecto dun longo debate entre distintos ministerios no relativo aos procedementos -tipo de documentación, oficinas, prazos...- cos que se vai levar adiante o recoñecemento efectivo porque, segundo dixo, “trátase de facer un procedemento que non sexa lesivo, sabendo que vai ser para algunhas persoas difícil establecer unha proba documental”.

“Non excluímos unha futura lei de nacionalidade, pero recoñecemos que é un paso adiante moi importante e cos datos que seguiremos recabando manteremos vivo ese ancello de que ningún neto de emigrante galego perda a expectativa de chegar a ter o recoñecemento da nacionalidade”, concluíu.