Cursos preparatorios do Celga


2 dic 2008


Dec02
Cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2009

 

logo_dog

Para descargar a Resolución, preme aquí

 

No Diario Oficial de Galicia número 234, do 2 de decembro, publícase a Resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 13 de novembro de 2008, pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2009 (PR 104 B)

 

Texto completo:

 

Resolución do 13 de novembro de 2008 pola que se anuncian, con carácter voluntario e gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos de Galicia, no ano 2009 (PR 104 B).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recollendo o que dispoñen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con iso, recoñécelle á cidadanía o dereito de coñecelo e de usalo. Pero non estaría garantido ese dereito se os cidadáns non tivesen a posibilidade de aumentar (ou iniciar, se é o caso) o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas aos adultos e á sociedade, encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre ambos os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para alcanzar ese equilibrio.

A estrutura e o contido destes cursos están regulados mediante a Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG nº 146, do 30 de xullo de 2007, corrección de erros no DOG nº 178, do 13 de setembro).

Por todo iso,

DISPOÑO:

1. Obxecto.

Anunciar a convocatoria pública para solicitar participar en cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos, entidades e/ou organizacións, con carácter voluntario e gratuíto. Convócanse un total de 250 cursos.

Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por bisbarras.

Para facilitar a participación de todas as persoas interesadas, esta secretaría realiza unha oferta de cursos de programación directa (anexo III) e fomenta a colaboración de colectivos e/ou entidades que, pola súa proximidade á cidadanía, coñecen de forma directa a demanda e necesidades de formación de lingua galega no seu ámbito e que estean interesados en organizar algún curso.

2. Destinatarios.

A convocatoria está dirixida aos seguintes destinatarios:

A) Particulares que desexen participar nalgún dos cursos que figuran no anexo III desta convocatoria.

B) Colectivos, entidades e/ou asociacións que desexen organizar cursos de lingua galega e que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas para participar nos cursos (nome, apelidos e número de DNI/pasaporte).

3. Prazo para impartir os cursos.

Os cursos que se organicen e impartan ao abeiro desta convocatoria deberán estar finalizados antes do 20 de novembro de 2009.

4. Contido e desenvolvemento dos cursos.

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecidos para cada un dos niveis na Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo.

Para conseguir o axeitado rendemento e aproveitamento do curso, hai que procurar a homoxeneidade de coñecementos do alumnado, polo que, tanto os particulares como as entidades, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberán ter en conta a definición de contidos previstos na norma anterior. En todo caso, o profesor, no momento de iniciar o curso, valorará os coñecementos previos do alumnado e, se fose conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística non expedirá ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia aos cursos preparatorios para as probas Celga. Realizarase control de asistencia para seguimento e control da calidade do curso.

Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas correspondentes, que se efectuarán en maio e novembro de 2009, logo de convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia. A inscrición nas probas é independente da dos cursos. O prazo para a inscrición nas probas rematará o día 25 de marzo de 2009 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro de 2009 para as probas de novembro.

O número máximo de asistentes a cada curso será de 30. Se quedasen prazas vacantes, poderán admitirse candidatos ata 3 días antes de inicio do curso. Os colectivos, entidades ou asociacións organizadoras deberán aceptar completar as prazas con persoas interesadas, aínda que non sexan afiliadas ou asociadas das propias entidades.

Se durante os dous primeiros días do curso se desen de baixa ou non asistisen as persoas inscritas nel, deberán ofrecérselles as prazas aos solicitantes que non fosen admitidos no primeiro chamamento.

Dado o carácter gratuíto dos cursos e para garantir un uso eficiente dos recursos públicos, se no transcurso do curso diminuíse de forma significativa o número de asistentes, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá acordar a súa cancelación, ofrecéndolles aos interesados a posibilidade de integrarse noutro curso, de ser posible, na mesma localidade.

Os cursos terán unha duración de 75 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas ou de dúas horas e media cada día. No casos dos cursos intensivos ou en casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá autorizarse a realización de sesións con horario diferente.

Todas as actividades que se leven a cabo nestes cursos realizaranse, segundo o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, conforme as normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, coidando o uso da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

5. Dotación orzamentaria.

O gasto ocasionado pola realización destes cursos financiarase con cargo á partida orzamentaria 04 60 151 A 640 2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, destinada a cursos e actividades de formación de lingua galega, ata unha contía de 812.500 euros. O custo medio por curso estímase en 3.250 euros.
6. Retribución para cada curso.

Os módulos de retribución dos cursos son os que se relacionan a continuación:

-Retribución profesor/a colaborador: 3.000 € (75 horas a 40 €/hora). Se se acordase a cancelación dun curso unha vez iniciado, o profesor será retribuído de acordo coas horas impartidas máis 100 euros en concepto de indemnización.

-Retribución coordinación, só en casos excepcionais, logo da autorización da secretaria xeral de Política Lingüística: 200 €.

-Retribución persoal subalterno ou auxiliar: 150 €.

-Material para o curso: ata 100 € (máximo). Aboaráselle directamente ao profesor, logo da presentación das facturas correspondentes, naqueles cursos en que non se dispoña de material para o alumnado, en formato papel ou na web.

7. Designación de profesorado.

O profesorado destes cursos nomearao a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos xefes dos gabinetes provinciais de normalización lingüística ou do Servizo de Formación, Asesoramento Lingüístico e Proxección Exterior da Lingua.

8. Solicitudes para participar ou organizar cursos.

As persoas interesadas e os colectivos, entidades e/ou asociacións formularán as solicitudes de acordo cos modelos de solicitude que figuran como anexo I (para particulares-adultos) e anexo II (para entidades ou colectivos), respectivamente.

As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da provincia que corresponda. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou no da delegación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da provincia a que pertenza a localidade onde queiran realizar o curso. Sen prexuízo do anterior, poderanse presentar nas oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme ao Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño), segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro).

Os colectivos, entidades e/ou asociacións e persoas interesadas en xeral dispoñen dun formulario na web www.xunta.es/linguagalega que permite cubrir e editar a solicitude.

9. Prazo de presentación de solicitudes.

Establécense distintos prazos de presentación de solicitudes segundo as datas de comezo das diferentes quendas de programación dos cursos:

-Ata o día 30 de xaneiro de 2009, para os particulares que desexen participar nos cursos programados entre os meses de marzo e xuño (primeira quenda).

-Ata o día 20 de xuño de 2009, para os particulares que desexen participar nos cursos programados para os meses de xullo e/ou agosto de 2009 (segunda quenda).

-Ata o día 10 de setembro de 2009, para os particulares que desexen participar nos cursos programados para os meses de outubro e novembro (terceira quenda).

-Ata o día 27 de febreiro de 2009, para os colectivos, entidades e asociacións que pretendan organizar cursos entre os meses de abril a novembro de 2009.

Para facilitar a elección dos cursos, infórmase as persoas interesadas de que as próximas probas para acreditación do nivel de lingua galega, Celga, se efectuarán os días 23, 24, 30 e 31 de maio e 21, 22, 28, 29 de novembro do 2009, para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente.

10. Documentación que se debe achegar á solicitude.

No caso das solicitudes formuladas por colectivos, entidades e/ou asociacións para organizar o curso, deberá achegarse a lista de persoas preinscritas (apelidos, nome e DNI).

11. Procedemento de selección.

Logo de recibir as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, procederase a revisar a documentación presentada. Se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselles ás entidades ou persoas solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992.

As solicitudes de particulares que cumpran os requisitos seleccionaranse segundo a orde de entrada. No caso das solicitudes formuladas por colectivos, entidades e/ou asociacións, valorarase o número de persoas preinscritas e procurarase realizar unha distribución xeográfica atendendo ás áreas comarcais.

12. Programación dos cursos.

12.1. Curso de programación directa para particulares.

Co fin de facilitar a inscrición dos particulares, ofértanse de forma directa os cursos que figuran no anexo III.

Se ás persoas interesadas non lles interesase ningún dos cursos anteriormente ofertados, poderán solicitar que se teña en conta a súa solicitude para incluíla nalgún dos cursos programados por petición das entidades na localidade solicitada ou na súa proximidade.

As listas de admitidos faranse públicas na páxina web www.xunta.es/linguagalega, sete días naturais antes do comezo de cada curso.

12.2. Cursos programados por solicitude dos colectivos e entidades.

Á vista das solicitudes de colectivos, entidades e/ou asociacións e da distribución xeográfica destas, os gabinetes provinciais de normalización lingüística efectuarán unha proposta de programación de cursos para cada unha das provincias e daranlle conta diso á Secretaría Xeral de Política Lingüística para a súa validación conxunta.

Cando, por causa da contía e dos límites orzamentarios, non se poidan atender todas as peticións, elaborarase unha lista de solicitudes pendentes e, en caso de que algunha das entidades a que se lle conceda un curso renuncie a el, asignaráselle á seguinte da lista.

Na programación sinalaranse as datas de comezo, horario e lugar onde se impartirá cada curso.

13. Resolución.

Respecto aos cursos ofertados directamente a particulares, tal como figuran no anexo III, autorizarán a súa realización os delegados ou delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a medida que se reciban 20 solicitudes/curso.

Respecto das solicitudes formuladas polos colectivos e/ou entidades, tal como se indica no parágrafo anterior, os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia efectuarán unha proposta de programación, que valorará de forma conxunta a secretaria xeral de Política Lingüística. Unha vez aprobada a programación, correspóndelles a resolución de autorización dos cursos aos delegados ou delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Estas resolucións publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega) o día 31 de marzo de 2009.

14. Réxime de recursos.

Contra a resolución de concesión dos cursos, as entidades e persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir da publicación da resolución, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

15. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

De non recaer resolución expresa sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, que se contarán desde a data de peche dos distintos prazos de presentación de solicitudes previstos na convocatoria, as solicitudes entenderanse desestimadas.

16. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión e desenvolvemento desta convocatoria, esta secretaría xeral desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos da programación en cada unha das provincias e delegará as facultades para resolver e para xestionar os gastos relativos aos cursos programados en cada provincia nas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en que teñen establecida a súa sede os gabinetes provinciais de normalización lingüística de cada provincia.

17. Esta convocatoria tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, con base nas previsións de dotacións orzamentarias que figuran no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta o día 16 de outubro de 2008. De acordo con isto, a convocatoria queda sometida á condición suspensiva de que exista crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas que dela derivan na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009.

18. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2008.

María Sol López Martínez
Secretaria xeral de Política Lingüística