“Tes dereito a unha atención en galego”


11 nov 2008


Nov11
A campaña da Mesa “Tes dereito a unha atención en galego” animará á cidadanía a solicitar ser atendida na nosa lingua

Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

O Concello de Ames será o primeiro do país en difundir esta iniciativa, que aposta por pedir “cun sorriso” a comunicación no idioma de Galiza

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Ames presentaron esta mañá no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) a campaña “Tes dereito a unha atención en galego”, na que colaboran ambas entidades co obxectivo de dar a coñecer á cidadanía o seu dereito a ser atendida oralmente en galego en calquera administración ou empresa pública, tanto presencialmente como nas xestións a través do teléfono.

O Concello de Ames é o primeiro de Galiza en pór en marcha esta campaña, que se vai estender a outras administracións nas vindeiras semanas, tal e como salientou na presentación o presidente da Mesa, Carlos Callón, que estivo acompañado no acto polo concelleiro de Cultura de Ames, Francisco Villaverde. Este explicou que o Concello vai difundir 3.000 folletos nas distintas oficinas desta administración local.

Tanto Callón como Villaverde salientaron a idea de que os cidadáns teñen non só dereito a falar en galego, senón tamén a que o traballador ou traballadora que os atenda tamén lles responda nesta lingua.

O presidente da Mesa explicou que “é un dereito da cidadanía que a Administración ten obriga de garantir, porque o galego é a lingua propia de Galiza e debe ser oficial a todos os efectos” ao que engadiu que “calquera persoa debe ter garantido o dereito a poder desenvolver a súa vida en galego”.

Segundo afirmou Callón, “ademais da veciñanza, tamén son destinatarios os traballadores e traballadoras destas entidades que teñen que garantir este dereito da cidadanía". Sinalou que moitas veces nas que a atención ao público non se produce en galego "non é por falta de interese, senón por causa das inercias que moitas persoas teñen interiorizadas". Nese sentido o concelleiro de Cultura falou de que "coa posta en marcha desta iniciativa preténdese pouco a pouco rachar con esa tendencia, tanto concienciando ao funcionariado do seu deber de atender en galego como informando á veciñanza do seu dereito de ser atendidos nesta lingua".

Nos folletos e cartaces da campaña recoméndase aos uusarios e usuarias pedir cun sorriso a atención na nosa lingua “no caso de non nos atenderen inicialmente en galego”. “Esta solicitude pode acompañarse, se for oportuno, do recordatorio de que se trata dun dereito amparado pola lexislación (a lei 7/2007)”, explicou o presidente da Mesa.

“Se a traballadora ou o traballador da Administración ou da empresa pública pasa a falarnos en galego, cómpre agradecerlle a súa amabilidade cando finalicemos a nosa xestión”, indícase nos folletos.

Entre os consellos aos cidadáns que queiran facer as súas xestións en galego, destaca o de non perder en ningún momento o sorriso, en torno ao cal se centra o deseño gráfico da campaña.

“Se mesmo despois de o solicitarmos non podemos continuar coa xestión en galego, o mellor é non entrarmos en discusións de ningún tipo nin perder os nervos ou o tempo. Trátase simplemente dun dereito e de que hai que aplicar a Lei”, indican os folletos que van a comezar a distribuírse no Concello de Ames.

Como solución, explícase que “unha opción é solicitar que nos atenda outro traballador ou outra traballadora que si saiba galego. Se iso non for posíbel ou implica tempo de agarda ou algunha outra dificultade, podemos continuar coa xestión e, posteriormente, realizar unha queixa por escrito na Administración ou empresa correspondente”.

Ademais, neste caso pódese chamar á Liña do Galego no 902 10 64 74, un servizo de recepción de queixas sobre vulneración de dereitos lingüísticos que ofrece A Mesa, tamén dispoñíbel no correo elecrónico linhadogalego@amesanl.org. Informando a este servizo sobre o sucedido, poderanse tomar as medidas para que o conxunto da Administración e das empresas públicas respecten este dereito.