Curso de formación sobre medidas de emerxencia


11 nov 2008


Nov11
Convocatoria de cursos de formación sobre medidas de emerxencia para as cidades de A Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo


Na intranet xudicial publicouse a "Convocatoria de cursos de formación sobre medidas de emerxencia xestionados polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia a través do seu Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Administración de Xustiza en Galicia".


 Características dos cursos:

- As solicitudes de admisión aos cursos tramitaranse a través do portal do empregado público de Xustiza www.xunta.es:444/sxpa/AIX/, anotándose no ANEXO I.

  • A Dirección Xeral de Xustiza concederalles aos funcionarios asistentes aos cursos unha licenza de formación, sen dereito a gastos de locomoción e axudas de custo.
  • Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que asistan aos cursos.
  • Duración: 5 horas lectivas teórico-prácticas.
  • Horario: de 9:00 a 14:00 horas.
  • Lugar e datas: os cursos realizaranse nas instalacións do propio centro de traballo dos edificios xudiciais da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo.


Documentación:

  • Convocatoria dos cursos. Preme aquí
  • A Coruña. Edificio Xulgados, rúa Monforte. Preme aquí
  • A Coruña. Edificio Audiencia provincial. Preme aquí
  • A Coruña. Edificio Tribunal Superior de Xustiza. Preme aquí
  • Santiago. Edificio dos xulgados. Preme aquí
  • Ourense. Pazo de Xustiza. Preme aquí
  • Pontevedra. Edificio dos xulgados. Preme aquí
  • Pontevedra. Audiencia provincial. Preme aquí
  • Vigo. Edificio antigo. Preme aquí
  • Vigo. Edificio novo. Preme aquí


Texto completo da convocatoria:


Convocatoria de cursos de formación sobre medidas de emerxencia xestionados polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia a través do seu Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Administración de Xustiza en Galicia

Co obxecto de proceder coa fase de formación do persoal de Xustiza encargado de pór en marcha as medidas de emerxencia - Plan de Emerxencia –artigo 20 da Lei 31/95, de prevención de riscos laborais– dos edificios xudiciais das principais cidades galegas, é necesario a busca de persoal para a conformación dos grupos de acción:

Primeira.- Solicitudes.

As solicitudes de admisión aos cursos tramitaranse a través do portal do empregado público de Xustiza www.xunta.es:444/sxpa/AIX/, anotándose no ANEXO I. Os funcionarios en excedencia por coidado de fillos poderán formular a súa solicitude no modelo que figura no ANEXO I desta convocatoria, que remitirán ao fax da Dirección Xeral de Xustiza 981-546222.

Para a utilización do portal do empregado público, poderanse realizar consultas nos teléfonos 981-546230 e 981-546210.

Para calquera outra consulta sobre a tramitación das solicitudes e a xestión dos cursos, os alumnos deberán dirixirse á Dirección Xeral de Xustiza.

Segunda.- Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais desde a publicación desta convocatoria na intranet de Xustiza http://www.xudicial.xunta.es/.

Terceira.- Destinatarios.

Os cursos irán dirixidos aos funcionarios titulares e interinos que estean traballando, dos corpos de médico forense, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán participar os xuíces, secretarios xudiciais e fiscais destinados nesta comunidade autónoma.

Os funcionarios interesados en participar nestes cursos deberán anotarse na planta que corresponda ao edificio xudicial onde teña o seu posto de traballo, tal e como se indica nos cadros do ANEXO I.

Os funcionarios só poderán anotarse nos cursos que se realicen na localidade onde teñan o seu destino.

Cuarta.- Selección.

1. A selección farase mediante a aplicación dos criterios de preferencia sinalados no Plan de Formación Continúa:

- Non ter participado en cursos de formación continua promovidos pola consellería competente en materia de xustiza desde o ano 2005.

- Titulares respecto interinos.

- Ter realizado menos cursos desde o ano 2005.

- Antigüidade na Administración de xustiza, que se resolverá co criterio de maior antigüidade no 50% dos casos e co criterio de menor antigüidade no outro 50%.

Serán seleccionados tantos funcionarios como o número indicado en cada planta dos edificios xudiciais.

2. Publicarase na intranet de Xustiza, coa anticipación suficiente ao comezo de cada curso, a relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso.

3. A renuncia aos cursos concedidos debe ser comunicada por escrito vía fax á Dirección Xeral de Xustiza cunha antelación, cando menos, dun día ao comezo do curso.

A Dirección Xeral de Xustiza concederalles aos funcionarios asistentes aos cursos unha licenza de formación, sen dereito a gastos de locomoción e a xudas de custo.

Quinta.- Desenvolvemento.

1. Duración: 5 horas lectivas teórico-prácticas.

2. Horario: de 9:00 a 14:00 horas.

3. Prazas: tantos funcionarios como o número de funcionarios fixados nas plantas dos cadros establecidos no ANEXO I.

4. Lugar e datas: os cursos realizaranse nas instalacións do propio centro de traballo dos edificios xudiciais da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo. As datas dos cursos son as previstas no ANEXO I. No caso de edificios xudiciais con cursos de dúas edicións, estes se celebrarán nas datas sinaladas no mesmo ANEXO I, a continuación do número de funcionarios necesarios por plantas.

Sexta.- Contido.

I.- Medidas de emerxencia:
*Avaliación do risco, medidas de protección e plan de acción
II.- Incendio:
*Conceptos básicos
*Axentes extintores
III.- Primeiros auxilios:
*Chamada de socorro
*Avaliación básica das vítimas
*Actuacións concretas ante accidentes
*Práctica de RCP
IV.- Actuación en caso de incendio:
*Equipos de protección contra incendios
*Prácticas con lume real: extintores e BIES

Sétima.- Certificados.

Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia aos alumnos que asistan aos cursos.

Oitava.- Modificacións.

1. O Servizo de Prevención de Riscos Laborais, logo da audiencia do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Administración de Xustiza, poderá modificar o desenvolvemento e máis os contidos dos cursos anunciados co fin de adaptalos ás súas necesidades, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de asistentes sexa inferior ao 50 % dos números establecidos nas respectivas plantas dos cadros do ANEXO I, o referido servizo, e logo da audiencia do comité mencionado, resérvase para si o dereito de suspender a realización do curso de que se trate, empregando para o efecto os medios de notificación aos interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2008

Begoña Santos Fernández
Presidenta do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Administración de Xustiza