Debate sobre a xustiza no parlamento galego


10 sept 2008


Set10
O conselleiro Méndez Romeu respondeu ante o Pleno unha interpelación sobre a posibilidade de acadar un acordo en materia de xustiza entre as forzas políticas con representación parlamentaria


O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, contrapuxo hoxe as 44 unidades xudiciais creadas en Galicia dende que goberna en Madrid José Luis Rodríguez Zapatero coas 18 logradas no anterior cuatrienio cun executivo do PP.

Así o recordou tras denunciar o deputado do PP Xesús Palmou -e conselleiro de Xustiza na anterior Xunta- que "fronte a unhas necesidades de 39 novas unidades xudiciais" para a Comunidade galega, en 2009 o Goberno autonómico prevé conseguir "nove".

Palmou tamén denunciou que os asuntos pendentes de resolución xudicial se incrementaron dende que o PP deixou o Goberno, cando os cifrou en 116.000, e aventurou que a finais de ano este número "chegará aos 160.000", polo que augurou un colapso e un caos.

Ademais, ante a reiterada petición do parlamentario 'popular' de crear de novo unha Consellería de Xustiza, o actual titular de Presidencia recriminoulle que na súa etapa non priorizara as súas competencias nesta materia e recordou que o actual bipartito "incrementou un 50 por cento" o presuposto para a Xustiza respecto ás últimas contas elaboradas polo PP.

Méndez Romeu lamentou que Palmou exprese agora a súa intención de pactar, cultura á que "lle deu a benvida", pero recriminoulle que non a practicase nos tres anos que van de lexislatura. Neste sentido, Iago Tabarés (BNG) e Beatriz Sestayo (PSdeG) engadiron que o PP non demostrou ese consenso ao boicotear" a reforma do Estatuto de Autonomía, que evitou incrementar as competencias da comunidade en materia de Xustiza.

COMISION ELECTORALISTA

Por outra banda, Xesús Palmou replicou ao conselleiro que crease unha comisión, con 43 membros, para coñecer o estado da Xustiza en Galicia, pero que aínda non se reuniu" e avanzou que non o fará porque a intención da consellería é "utilizala electoralmente".

Na súa intervención final Méndez Romeu volveu desautorizar a xestión de Palmou cando era conselleiro de Xustiza e o acusou de practicar "a referencia fronte aos togados e a indiferenza fronte aos administrados". "Así o condecoraron. Parabén", concluíu.

Fonte: Europa Press

Información facilitada pola Xunta de Galicia

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que o orzamento da Xunta en materia de xustiza en 2008 será de 99 millóns de euros, o que supón un incremento de aproximadamente un 50% en comparación co 2004, baixo o mandato do Partido Popular, cando a cantidade destinada a este fin era de 66.000.000 euros.

En resposta a unha interpelación parlamentaria, o conselleiro destacou que desde a chegada do PSOE ao Executivo do Estado foron creadas en Galicia 44 unidades xudiciais –nas que se inclúen as xa concedidas para o ano 2009-, mentres que no cuatrienio anterior só foran concedidas 18 para a Comunidade Autónoma. Así mesmo, sobre os xulgados específicos de violencia sobre a muller, lembrou que foi o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero o que fixo unha lei ao respecto, polo que os que existen a día de hoxe -en Vigo e na Coruña- foron creados por este. Tamén adiantou que en 2009 se crearán dous máis nas cidades de Pontevedra e Santiago, “que son as que desgraciadamente teñen as taxas máis elevadas nesta modalidade de delictos”.

Sobre o número de unidades concedido polo Ministerio de Xustiza para a Comunidade Autónoma, Méndez Romeu tamén fixo referencia á postura do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG): “Cando comprometemos co Goberno do Estado que en 2009 se creen 9 unidades xudiciais en Galicia, máis as dúas de violencia de xénero, resulta que a Sala de Goberno do TSXG prantexa exactamente ese número; e se con alguén temos que coincidir é co goberno do Poder Xudicial, alén doutras consideracións”.

Estrutura administrativa

O conselleiro asegurou que a política de Xustiza “non era prioritaria” co Goberno do Partido Popular en España, e que cando Rodríguez Zapatero comprometeu 1000 unidades xudiciais novas -unha cifra “sen precedentes” na historia xudicial española, segundo dixo- a resposta inmediata do PP foi “a parálise de todas as iniciativas de cambio lexislativo en materia de xustiza”.

“Claro que o ministro López Aguilar creou aquí 15 unidades no último ano da súa xestión, porque nin Acebes nin Michavila estaban dispostos a crear unidades. Vai ser o mantemento do PSOE en España e Galicia o que vai conseguir manter estas cifras: 44 unidades e as que virán no futuro”, afirmou. Sobre a xestión da anterior Xunta da estructura administrativa, indicou que ante as distintas situacións creaban novos organismos: “Así herdamos esta selva inconcibible de fundacións, organismos e demais que agora é tan difícil modificar e que se embargo o estamos a facer”.

Informatización

Doutra banda, o titular de Presidencia fixo tamén referencia aos avances na materia de informatización e modernización no eido xudicial, sobre o que asegurou que en Galicia “practicamente todo foi feito por este Goberno”, tanto en aplicacións e equipamentos como en sistemas de videoconferencia que aforran os desprazamentos das testemuñas e das partes. Así, sinalou que se están informatizando os rexistros civís para que os cidadáns non teñan que acudir a eles, e tamén se están a informatizar todos os xulgados, todos os postos de traballo da fiscalía e a xustiza de paz no momento actual.

“Os datos son incontrovertibles: en materia de creación de unidades, en materia orzamentaria e por tanto en actuacións, as propostas están claramente expresadas. Díganos agora se o PP, nas Cortes de España, vai aprobar ese conxunto de modificacións legais que melloren o conxunto da Xustiza no noso país”, inquiriu.

Maiores competencias

Méndez Romeu considerou que nos últimos anos non só se ten multiplicado o número de unidades xudiciais e o orzamento en materia de xustiza, senón que tamén se están poñendo as bases dun acordo en materia de xustiza das comunidades co Estado pese a haber “permanentemente” unha “postura obstructiva” do PP.

Así, lembrou que en marzo de 2007, a iniciativa da Xunta, se reuniron en Santiago todas as Comunidades Autónomas con competencias en materia de xustiza. Nesa xuntanza consensuouse unha proposta que foi trasladada a todos os órganos competentes –nomeadamente o Ministerio e o Poder Xudicial- e que demandaba unha ampliación competencial sobre iniciativas de modificación da demarcación e planta e sobre os corpos de funcionarios ao servizo da Administración, e que prantexaba unha modificación substancial para que fora efectiva a participación das CCAA en distintos asuntos, como na participación nos depósitos, consignacións, taxas, multas, etc.

Libro Branco

O conselleiro tamén se referiu ao consenso que se está a producir na redacción do Libro Branco da Xustiza en Galicia, na que participan, aportan documentos e dialogan todos os operadores xudiciais: xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, colexios de avogados e procuradores, xuíces de paz, organizacións sindicais, etc. Sobre este documento, indicou que xa se teñen realizado dúas xuntanzas e que os traballos rematarán no calendario previsto, tras o que se abrirá un debate para que se produza a confluencia dos mesmos.

Doutra banda, sobre os edificios xudiciais, asegurou que vai haber novos edificios en Pontevedra, Ferrol, Santiago e Ourense; e lamentou que tanto na Coruña como en Vigo non haxa chan dispoñible na actualidade para a construcción de novas sedes. Tamén destacou as modificacións importantes no funcionamento dos rexistros civís para achegalos aos cidadáns na Coruña e Vigo, como se está a facer nas principais cidades españolas.

“Se tivera que sintetizar o labor de vostede, tería que dicir que na súa etapa o que existía era reverencia ante os togados e desprezo fronte aos administrados”, acusou ao PP o titular de Presidencia, que indicou que o Goberno actual ten un obxectivo distinto, a “mellora da administración de Xustiza para ofrecer suficiente seguridade xurídica ás empresas, ás institucións e, sobre todo, para que se modifique por razóns obxectivas esa percepción dos cidadáns de atoparnos diante dunha administración que non reúne os criterios de eficiencia que teñen a meirande parte das administracións públicas”.