En galego, é de Xustiza!


4 abr 2008


Abr04
A COPE denuncia unha xuíza por permitir a utilización do galego nun xuízo contra a emisora


Ana López-Suevos. Foto: Galicia Hoxe
A Mesa pola normalización lingüística, xunto con diversas organizacións sociais, denuncian o feito e solidarízanse coa xuíza afectada.

Segundo informa a Mesa pola normalización lingüística:

"O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) abriu unhas dilixencias previas contra a titular do xulgado do social número 2 de Santiago de Compostela, Ana López-Suevos, acusada de "sectarismo e partidismo" polos avogados da Cadea COPE por ter permitido a utilización do galego nun xuízo contra a emisora. Os letrados da emisora da Conferencia Episcopal Española denunciaron a maxistrada despois de perder un caso no seu xulgado.

Unha traballadora da emisora demandou á cadea por un despedimento improcedente, xa que entendía que a botaran porque casou cunha muller e porque é militante do Bloque Nacionalista Galego (BNG). A demanda presentouse en galego e así se tramitou. Segundo se puido constatar, os avogados da Cope responderon á demanda sen se queixaren da lingua empregada, e continuouse o procedemento en galego "con toda normalidade". O día do xuízo, "cada testemuña expresouse na lingua que quixo, e a acta está redactada en galego e en castelán, seguindo o fío da realidade", aseguraron á Mesa as fontes por ela consultadas.

Non foi até que recibiron a sentenza, desfavorábel para a Cope, que a emisora alegou que o seu avogado non entendía a lingua galega. A resolución, notificada o 23 de xaneiro, consideraba probado que a traballadora fora despedida pola súa opción sexual e pola súa militancia política, e ordenaba á cadea que a readmitise e lle pagase os salarios pendentes.

Foi entón que os letrados da emisora anunciaron ao xulgado o seu descoñecemento do galego e exixiron a tradución da sentenza, que eles mesmos admiten que recibiron un mes despois.

A versión da Cope é diferente. Na denuncia presentada ao CXPX, á que tivo acceso A Mesa, o avogado da emisora afirma que dixo á xuíz que o castelán é o único idioma que coñece e que, aínda así, a maxistrada permitiu o uso do galego. López-Suevos négao con rotundidade e xa fixo chegar ao CXPX unha certificación da secretaria xudicial que dá fe de como se desenvolveu o xuízo. A denuncia da cadea tamén mantén que as súas afirmacións son "de fácil comprobación examinando o visionado do acto [o xuízo]", cousa imposíbel porque as vistas orais non se rexistran na xurisdición social.

A denuncia contra a xuíz, alén de considerar literalmente que “o que resulta absolutamente imadmisíbel é que permitise [a xuíz] que a Letrada da parte actora formulase as súas conclusións en lingua galega” (sic) e que “con ser isto grave, mais o é aínda que a acta do xuízo fose realizada en lingua galega” (sic), tamén apunta que o castelán é "lingua de obrigada aplicación" na xustiza segundo o artigo 231 da lei orgánica do poder xudicial, porén obvia que o mesmo artigo indica que tamén se pode utilizar a lingua cooficial en cada territorio: se algunha das partes alega indefensión, é preciso habilitar un intérprete, medida que a maxistrada aplicaría "se o avogado da Cope alertase do descoñecemento do galego". “E o letrado fixo os interrogatorios sen que parecese que tiña ningún problema", sinala."