Apertura dalgúns Rexistros Civís polas tardes


18 mar 2008


Mar17
Ábrese o prazo de inscrición de funcionarios nas quendas especiais de atención ao cidadán nos Rexistros Civis


No Diario Oficial de Galicia número 54, do 17 de marzo de 2008, publícase a Resolución do 7 de marzo de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza pola que se regula o horario especial e as condicións de traballo nas oficinas de Rexistro Civil da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.



Os funcionarios interesados en formar parte das quendas de apertura en horario especial das oficinas dos Rexistros Civís da Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra poderán inscribirse nestas a partir de hoxe e cun prazo de dez días hábiles.

O obxectivo é conseguir que, a través desta inclusión voluntaria e incentivada, os Rexistros Civís se podan abrir en horario ininterrompido das 9.00 ás 18.00 horas, de luns a venres, e os sábados pola mañá, de 10.00 a 13.00 horas, facilitando así os trámites dos usuarios.

A prestación de servizos dos funcionarios integrados nestas quendas especiais retribuirase con 48 euros por cada xornada vespertina de luns a venres e con 80 euros por cada xornada de sábado. En canto ás compensacións horarias, o tempo traballado realizado das 17.00 ás 18.00 horas de luns a venres computaranse como dúas horas efectivas por cada hora traballada, e como dúas horas e media no caso da xornada que se realiza os sábados da 10.00 ás 13.00 horas.

A resolución será de aplicación para os funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, os de tramitación procesual e administrativa e os de auxilio xudicial dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia que presten servizos no Rexistro Civil Único da Coruña e Vigo. O mesmo ocorre cos funcionarios dos órganos xudiciais que teñan adscrito o Rexistro Civil nas cidades de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra e que voluntariamente opten por este tipo de xornada de mañá e tarde.

O número de funcionarios necesarios para a prestación do servizo en xornada vespertina de luns a venres e sábados pola mañá é de 3 para os Rexistros Civís da Coruña e Vigo, e 2 para o resto de órganos xudiciais. No caso de non reunirse este número mínimo de integrantes das quendas as prazas poderán ofertarse entre os funcionarios que presten os seus servizos nos xulgados de primeira instancia do mesmo partido xudicial.

Os funcionarios que pasen a integrar voluntariamente as quendas para a apertura das oficinas do Rexistro Civil en horario especial realizarán as funcións de recollida de solicitudes ou documentación, entrega de documentación preparada e información e atención ao cidadán.

O compromiso mínimo de integración das quendas será de seis meses contados a partir do momento da efectiva integración, salvo no caso de constitución inicial das quendas, que será de tres meses. O compromiso entenderase tacitamente prorrogado por un período de seis meses salvo que nos primeiros 10 días hábiles dos meses de xuño e decembro o interesado presente unha renuncia por escrito.