- CCOO considera a negociación das novas RPT un paripé e unha mera correa de transmisión do Ministerio de Xustiza
Logo da mesa sectorial de onte quedou claro que a Dirección Xeral non ten pensado moverse un ápice da súa posición inicial malia as posicións sindicais contrarias e case unánimes con matices, sendo compracente cos Letrados e ignorando os dereitos laborais consolidados dos traballadores.
CCOO demandou como acordo de mínimos un equipo estrutural por cada xurisdición e outro polo servizo de atención á cidadanía, que vai ser peza clave nesta reforma, ao non estar definidos os xulgados como antes, equipos que deberan ser como máximo de 15 traballadores, posición que defendemos en solitario na mesa do Ministerio de Xustiza, e co resto de organizacións na Xunta de Galicia.
A creación destes equipos suporía unha definición máis exacta das funcións a desenvolver, quedando agora ao arbitrio dos LAX, unha garantía de mobilidade en concursos de traslado, e unha mellor prestación do servizo público. Todo iso é negado pola administración, coa clara intención de poder acumular traballo sen ningún tipo de control en calquera funcionario, quedando a discreción dos letrados, saltándose o réxime de funcións da LOPX.
En relación con iso demandamos o preceptivo Manual de postos para negociar calquera RPT, onde queden delimitadas non so as funcións dos postos xenéricos, tamén de todas as xefaturas creadas, a día de hoxe non se sabe que función desempeñarán, que número de persoas dirixirán e se teñen que facer o traballo ordinario ademais de desenvolver a xefatura.
CCOO solicita a paralización do plan de amortización de postos de traballo, toda vez que todos estes cambios, incluída a comarcalización de Xulgados de Violencia, van supoñer unha sobrecarga de traballo que esixe dun incremento do cadro de persoal.
Respecto ao persoal que levará execución, os números parecen arbitrarios, sen un criterio sólido, e solicitamos unha experiencia piloto que avale eses repartos de persoal entre tramitación e execución.
Demandamos que a confirmación sexa sempre voluntaria e por xurisdicións, cousa esta última que van a aceptar, pero a voluntariedade so no suposto de que o persoal sexa superior á dotación.
Esiximos a eliminación das intencións de enchufismo, con postos de Libre designación que non teñen cabida na xustiza, e que ademais detráense das oficinas, coa conseguinte sobrecarga no trámite xudicial.
Ante o escaso número de concesións por parte da administración, cun movemento mínimo de persoal nos Rexistros Civís de Lugo e Ferrol, ratifícase o que CCOO vén denunciando: estamos ante o maior cambio da Xustiza Pública e se está a desenvolver a costa do esforzo dos traballadores, cun modelo precipitado que pretende aforrar cartos a cambio de dereitos.