No día de hoxe tivo lugar un debate entre administración e organizacións sindicais sobre a necesidade de axilizar as modificacións na Orde de interinos de cara a evitar a precaria situación que se está a dar nos chamamentos a través do SPEG, por esgotarse as bolsas de todos os corpos, o que provoca inseguridade xurídica e unha falta de normativa unificada ao respecto
Dende CCOO manifestamos a nosa posición cos seguintes argumentos:
- É imprescindible urxencia e axilidade na entrada en vigor dunha nova bolsa, sen máis dilacións e cunha folla de ruta clara, con datas concretas para a súa aprobación, presentación de instancias, baremación e entrada en vigor, coa maior premura posible.
- Os requisitos de acceso deben ser os mesmos que os requiridos para presentarse á oposición do mesmo corpo, pasando a ser a antigüidade e aprobación de exame méritos a baremar. Iso vai traer consigo un incremento sustancial de instancias, polo que instamos á Dirección Xeral de Xustiza á contratación do persoal suficiente por acumulación de tarefas para ordenar por corpos e provincias as instancias presentadas.
- Debe manterse o criterio dunha bolsa de titulares e outra de reserva e, a maiores, outro grupo con todas as instancias baremadas, o que se deu en chamar “a reserva da reserva”.
- Os integrantes de cada unha das bolsas deberán ser fixados por acordo entre administración e organizacións sindicais, eliminándose e incrementándose sustancialmente as porcentaxes anteriores, a todas luces insuficientes para poder cubrir -e crear emprego- as vacantes que xorden nos Xulgados.
- O galego, tanto Celga coma Linguaxe xurídica medio ou superior, debe pesar máis no conxunto da puntuación, se ben debe facilitarse o acceso a esa formación, ao igual que toda a formación específica da EGAP.
- Estamos radicalmente en contra de penalizar as persoas que suspenden un chamamento por Incapacidade temporal; se excepcionalmente algunha persoa utiliza este subterfuxio para evitar desprazamentos indesexados, debe ser penalizado o facultativo que asine unha baixa inxustificada e non castigar a todos os integrantes da bolsa que puideran ter un accidente ou enfermidade.
Na vindeira semana seremos convocados novamente co fin de tratar de pechar un texto o antes posible que dea solución a un problema que se está a converter en estrutural.
CCOO considera IMPRESCINDIBLE, dados os desaxustes que se están a producir en moitos órganos xudiciais, que se marquen PRAZOS CONCRETOS E URXENTES DE APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DA ORDE DE INTERINOS, xa que non só e unha cuestión de ineficacia administrativa, é que estamos a falar de postos de traballo e organización de vidas persoais que requiren certezas e seguridade xurídica.