Para descargar a folla informativa preme aquí
No día de hoxe tivo lugar a comisión de seguimento do Acordo de 23 de maio de 2018 acadado entre CCOO, UGT e USO coa Xunta de Galicia para a mellora das nosas condicións de traballo.
O máis salientable da reunión e o cumprimento da mellora retributiva en Xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller, seguindo as ratios de 75 ou máis dilixencias incoadas nesa materia, polas que pasan a cobrar 50€ máis por funcionario/a.
A Dirección Xeral remitiunos a listaxe de xulgados que superan esa ratio, segundo as táboas do Consello Xeral do Poder Xudicial que, previsiblemente, comezarán a cobrar ou seguirán cobrando esas cantidades a partir da nómina do mes de abril, e que serían:
Ribeira
Cambados
Vilagarcía
Betanzos
Carballo
Noia
Cangas
Viveiro
Redondela
Marín
Ponteareas
Porriño
Monforte
Caldas
Padrón
Saen da lista por non alcanzar ese número de asuntos incoados Carballino e Vilalba
Dende CCOO valoramos positivamente a evolución deste acordo, que vai cumprir dous anos en maio, impulsado polas tres centrais sindicais, e que supuxo a día de hoxe unha mellora importante nas nosas condicións de traballo:
- Un incremento mensual do CAT de 135 € para xestión, 127€ para tramitación e 122€ para Auxilio, revisables no último trimestre do ano.
- A percepción do 100% das retribucións en caso de Incapacidade Laboral Transitoria, xa non se paga por enfermar.
- A retribución íntegra das substitucións, a igual traballo igual salario.
- A consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración.
-A creación progresiva de prazas no marco do plan de modificación de cadro de persoal de 2012.
- Melloras retributivas nos Xulgados con competencias en materia de violencia sobre a muller (100€ na Coruña e Vigo, 75€ en Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra, e 50€ nas vilas antes mencionadas)
- Ampliación do permiso de maternidade e paternidade.
- A carreira profesional, pola que a práctica totalidade do cadro de persoal está a percibir un incremento de 98,59€ no caso de Xestión, 95,47€ Tramitación e 81,03 Auxilio, cantidades que se incrementarán substancialmente nos vindeiros anos, fito histórico e único no Estado.
Como todo acordo sempre é mellorable, e debemos seguir batallando por asuntos como a percepción inmediata da carreira profesional polo persoal interino, a consolidación de trienios por quen exerza as substitucións ou a implementación con medios persoais e materiais suficientes da Nova Oficina Xudicial no noso ámbito.
CCOO avoga pola presión sindical e a negociación para a mellora do servizo público e para unhas condicións de traballo dignas, buscando sumar a maior acumulación de forzas posibles en prol da unidade sindical, sen loitas intestinas que menoscaben a nosa capacidade negociadora.