CCOO responde aos argumentos demagóxicos da CIG, en relación “a lectura interesada” que fan dunha sentenza que recoñece o dereito a carreira profesional, a unha funcionaria interina da Xunta de Galicia


6 jul 2020





CCOO responde aos argumentos demagóxicos da CIG, en relación “a lectura interesada” que fan dunha sentenza que recoñece o dereito a carreira profesional, a unha funcionaria interina da Xunta de Galicia


A CIG ven de divulgar unha nota informativa na que da conta dunha sentenza, que aínda non é firme, que recoñece o dereito ao réxime extraordinario de acceso ao grao I da carreira profesional a unha funcionaria interina. Na devandita nota fanse unha serie de alusións e afirmacións absolutamente demagóxicas que, CCOO como un dos sindicatos asinantes do Acordo de Concertación Social, no que se incluía entre outras cuestións importantes, tamén a implantación por primeira vez da carreira profesional no ámbito da función pública, non pode deixar sen contestar

Afirma a CIG na súa nota que non asinou o acordo de carreira profesional para o persoal funcionario e laboral porque establecía unha grande diferenza entre os grupos altos e baixos no importe anual, pola inexistencia da concreción de como se cobrarían os seguintes graos e pola discriminación do persoal interino, respecto do persoal funcionario de carreira

Pois ben, cómpre lembrar que as contías, os prazos e o ámbito persoal de aplicación son os mesmos que a CIG asinou na carreira profesional do SERGAS. Co cal deberían explicar por que nas mesmas condicións no SERGAS a carreira profesional era boa e na Dirección Xeral de Función Publica era mala. O que non vale é non mollarse e non asumir riscos nin responsabilidades e despois, parapetados detrás dunha sentenza xudicial, e renunciando a función propia dunha organización sindical, como é presionar, negociar e acordar, tratar de aparecer ante os traballadores/as como os que repoñen as cousas no seu lugar (iso si, deixando que sexan os xuíces os que arranxen os problemas)

No momento en que se negociou e aprobou a carreira profesional na Xunta de Galicia toda a normativa estatal e autonómica limitaba o dereito á carreira ao persoal funcionario de carreira. A pesar diso, CCOO loitou durante toda a negociación (así esta recollido nas nosas alegacións), para que fose de aplicación a todos os empregados públicos, independentemente do seu vínculo laboral coa administración, e así conseguiu incluír ao persoal laboral fixo, que inicialmente tamén estaba excluído

Posteriormente, no mes de xullo de 2019, froito da presión e da negociación acordouse, co voto en contra da CIG, estender a carreira profesional ao persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta de Galicia e tamén a todo aquel persoal que non cumpría os requisitos para acceder a ela a data de 31 de decembro de 2018, pero que si os cumprían con posterioridade, con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2020

Desgraciadamente a situación de emerxencia sanitaria e a declaración do estado de alarma impediron a publicación e a apertura do prazo para que todos estes traballadores/as solicitasen a súa carreira profesional e a estivesen cobrando

Polo tanto, a diferenza da CIG, CCOO si que fixo o seu traballo e asegurou en primeiro lugar que se implantase a carreira profesional nesta Administración e en segundo lugar que esa implantación fose de aplicación a todo o persoal máis alá da súa vinculación fixa ou temporal coa Xunta de Galicia

Evidentemente o resultado de calquera negociación sempre é mellorable, pero a disxuntiva naquel momento era asegurar a aplicación da carreira profesional na Xunta de Galicia (recoñecida no TREBEP desde o ano 2007 pero nunca aplicada nesta Administración ata agora) ou seguir agardando outros 12 anos pola carreira perfecta. E neste sentido CCOO sempre o tivo claro. Só se pode mellorar e perfeccionar o que existe, non o que non existe. A outra opción (a da CIG) é unha pura fuxida cara adiante esixindo o máximo cando aínda non tes nada

En conclusión, antes de dar leccións sobre como defender os intereses dos traballadores e traballadoras desta Administración hai que mirarse no espello da coherencia e asumir as contradicións que se derivan da toma de decisións antagónicas segundo o ámbito (no SERGAS si, na Función Pública non). Xa está ben de 'Capitáns a posteriori', eses que saben todo o que había que terse feito despois de que pasan as cousas, e que pretenden quedar ben con todos e non quedan ben con ninguén (aínda que pretendan facernos comulgar con rodas de muíño, vendendo unha resolución xudicial, non firme, como un éxito, a realidade é que un fracaso da súa acción sindical)

Por certo a asesoría xurídica de CCOO ten presentadas varias demandas individuais, tanto no ámbito contencioso como no social, porque a forma de traballar que temos é combinar a acción sindical coa acción xurídica, para ir avanzando sen instalarnos no “negacionismo permanente” que leva a que a algúns aínda que lle ofrezan a lúa, sigan dicindo que non, porque sempre consideran que é insuficiente