Acción social 2020: Criterios de repartición.


9 jul 2020








 

Hoxe publícase no Dog a Resolución  do 12 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade da convocatoria e dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2020 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.


Poderán solicitar as axudas os funcionarios de carreira e interinos dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza: médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e mais auxilio xudicial. 

O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar, no prazo de presentación das solicitudes, en situación de servizo activo ou de excedencia por coidado de fillos e ter destino nesta comunidade autónoma, así como reunir os restantes requisitos esixidos polo presente programa de atención de persoas discapacitadas do Fondo de Acción Social.


 Tamén poden solicitar a axuda:

a) Aquelas persoas que prestaran servizos como funcionarios interinos da Administración de xustiza nesta comunidade autónoma durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (día 15.7.2019) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria.

b) Os funcionarios de carreira da Administración de xustiza que durante o período comprendido entre o final da acción social do ano pasado (15.7.2019) e a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria prestaran servizos nesta comunidade autónoma e se xubilaran durante o dito período. 

Terán a condición de beneficiarios:

a) Os solicitantes con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 % que reúnan os requisitos establecidos nos puntos anteriores.
b) Os solicitantes que, reunindo os requisitos establecidos nos puntos anteriores, teñan baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou persoas tuteladas por sentenza xudicial firme con discapacidade física, psíquica ou sensorial igual ou superior ao 33 %.
No caso de que o beneficiario teña baixo a súa dependencia directa e legal, e vivindo ás súas expensas, máis dunha persoa que cumpra os requisitos anteriores, percibirá a axuda para cada unha.


O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para ver a Resolución completa, preme aquí