O mantemento do estado do benestar, a revitalización dos servizos públicos, políticas económicas que xeren emprego de calidade e políticas fiscais xustas son algunhas das esixencias sindicais
O Comité de Dirección Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) aprobou na xuntanza do pasado 19 de setembro unha resolución co gallo das inminentes eleccións ao Parlamento galego. Desde o «respecto á liberdade das persoas en xeral, e da afiliación a CCOO en particular», o sindicato chama a participar no proceso electoral e a dar o apoio ás opcións políticas que asuman as reivincacións e propostas de Comisións Obreiras.
CCOO pide apoiar as opcións políticas que defendan os postulados do sindicato
Segundo a mencionada resolución, os traballadores e traballadoras de Galicia teñen nas eleccións do próximo domingo, día 25 de setembro, unha «oportunidade» para «deter co seu voto» os recortes económicos e de dereitos sociais e laborais.
CCOO coida que a lexislatura que agora remata foi «a peor» da historia democrática do noso país, tanto en termos económicos e laborais como sociais: crise económica, recortes de dereitos, retroceso no nivel de vida, deterioración dos servizos públicos básicos, crise de todo o aparello produtivo...
Nos últimos catro anos, Galicia perdeu 54.000 persoas activas «porque aquí xa non é posible desenvolver un proxecto de vida». A poboación envellece e os sectores produtivos «afogan», deixando tras de si 82.500 empregos asalariados menos. «Menos poboación activa, emprego precario e máis de 200.000 persoas en desemprego é o legado do presidente Feijóo», sentencia o sindicato.
CCOO mantén que para saír da crise cómpren investimentos en infraestruturas de comunicación e transporte, de ordenación do territorio, de provisión de solo para actividades económicas, intervencións ambientais, investigación, desenvolvemento e innovación, amais de infraestruturas do medio rural, entre outras actuacións fundamentais para a capitalización económica do país. Porén, ano tras ano, o capítulo de investimentos dos orzamentos mingua, «e esa decisión non axuda a combater a crise».
Para Comisións Obreiras, a «necesidade de consolidar» o sistema democrático fai necesario que nestas eleccións haxa un «alto» grao de participación, «abondo como para acalar as voces de quen cada día o poñen en cuestión». Con todo, o sindicato tamén coida «desexable, para garantir a saúde da democracia», ampliar a presenza nas institucións de opcións políticas «progresistas e transformadoras que reflictan a pluralidade ideolóxica da sociedade», abrindo paso no Parlamento galego a outras forzas políticas que «acheguen novas ideas e novas prácticas».
Como sindicato de clase que «reivindica a mellora das condicións de vida e traballo de todos os traballadores e traballadoras, e que promove a defensa de todo aquilo que nos afecta», CCOO considera que é o seu deber, «desde o máis escrupuloso respecto á libre vontade das persoas», sinalar as esixencias mínimas que deberían atender os programas que aspiran a contar co voto de quen neste asunto considere relevante a nosa opinión, xa que «non todos os partidos políticos presentan os mesmos programas electorais nin practican as mesmas políticas cando gobernan».
Por iso, CCOO insta a afiliación e a cidadanía en xeral á «reflexión serena» e a que «depositen a súa confianza» nos partidos políticos que defenderon os mesmos postulados que CCOO: mantemento do estado social do benestar, revitalización dos servizos públicos como medida para traballar pola equidade e a xustiza social, políticas económicas que xeren emprego de calidade e políticas fiscais «que nos encamiñen de verdade cara á redistribución da riqueza».