CCOO ve «insuficiente» o compromiso da Xunta en canto ás pagas extras e esixe a recuperación «de todos os dereitos»


18 mar 2016


O pasado mércores tivo lugar unha xuntanza entre o conselleiro de Facenda e representantes do sindicato. Na dita xuntanza o conselleiro comprometeuse á devolución en dous prazos da parte devindicada que estaba pendente da paga extra do 2012. Para este efecto está orzamentada unha partida de 108 millóns e os pagamentos faríanse nas mensualidades de abril e de setembro e corresponden ao 50 % que aínda non se restituíra. Do mesmo xeito que sucedeu o ano pasado, a Xunta devolverá ese 50 % pendente en dous pagos: un 25 % coa nómina de abril, e o 25 % restante, na nómina de setembro . O conselleiro de facenda comunicounos tamén que a partir de xaneiro do 2017 o persoal da xunta volverá a percibir íntegras as súas pagas extras que desde o ano 2013 estanse a cobrar sen o complemento especifico ou equivalente. Comisións Obreiras ve «insuficiente» o compromiso da Xunta en canto ás pagas extras e denuncia que a Xunta volve a axustar os prazos dos pagos da extra co posible calendario electoral. CCOO esixe o restablecemento «de todos os dereitos» económicos arrebatados ao persoal das Administracións públicas, xa que non está prevista a recuperación das extras recortadas entre os anos 2013 e 2016 —ambos inclusive—, nin tampouco outros dereitos como o referente á percepción íntegra dos salarios en casos de incapacidade temporal, entre outras cuestións.