O Xulgado de Santa Comba pode quedar pechado nos próximos días, deixando sen Rexistro Civil e Xulgado de Paz aos máis de 10.000 veciños da localidade


13 ene 2015


CCOO denuncia que a Dirección Xeral de Xustiza segue a laminar a Xustiza de Proximidade



A Coruña, 12 de xaneiro de 2015.-  A Dirección Xeral de Xustiza continúa practicando un recorte solapado na Administración de Xustiza ao non cubrir as baixas do persoal, redundando esta práctica neglixente nos dereitos da cidadanía e no bo servizo da Administración de Xustiza.

O Xulgado de Paz de Santa Comba, inicialmente dotado con tres funcionarios, dous do corpo de Xestión Procesual e un de Auxilio Xudicial, xa sufriu un recorte no ano 2012, nun Plan xeral de Amortizacións da Administración de Xustiza que diminuiu nun 5% o cadro de persoal global, e que, por entón, eliminou un funcionario de Xestión deste Xulgado.

Agora mesmo, só un Xestor procesual presta servizos na localidade, xa que dende o mes de novembro, un traballador do corpo de Auxilio Xudicial, trasladouse por concurso a outra localidade. Sendo isto de coñecemento da Dirección Xeral, que xestiona os concursos, non nomeou ningún substituto,  e a pesar de que foi expresamente pedido por escrito e por rexistro polo Xestor Procesual que queda no Xulgado o día 18 de novembro.

Hai que salientar que no Xulgado e Rexistro Civil de Santa Comba entran unha media de 20 persoas diarias, que se levan 700 asuntos penais e civís ao ano, ademais de 250 asuntos de Rexistro Civil, volumes e cargas de traballo inasumibles para unha soa persoa. Dáse a circunstancia que o único traballador que queda sofre unha enfermidade e que o médico estalle conminando a tramitar unha baixa médica dado o risco para a súa saúde. Só pola responsabilidade deste traballador, quen non puido gozar dos días a que ten dereito de permiso,  non pecha o Xulgado co cartel de “Pechado por falta de persoal”

 
CCOO demanda o nomeamento inmediato de persoal para este Xulgado de Paz e o máximo respecto para a xustiza de proximidade, e seguirá denunciando todos estes incumprimentos flagrantes que repercuten en un deterioro progresivo e oculto da xustiza como servizo público. Casos como o de Culleredo e agora Santa Comba están a ser, por desgraza, habituais, deixando á veciñanza destas vilas co dereito á xustiza nunha segunda categoría respecto aos habitantes das grandes cidades.