CCOO, UGT e CIG no acto de apertura do ano xudicial


3 oct 2014






No día de hoxe as centrais sindicais CCOO, UGT e CIG concentrámonos diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no día do acto de apertura do ano xudicial. Un ano xudicial que celebrarán cun viño español, xactándose do ben que marcha todo a costa dos salarios dos funcionarios e das súas condicións laborais.

As grandes xerarquías políticas, xudiciais e militares deben ter medo a que lles contaxiemos a nosa rabia, xa que o desplegue policial foi totalmente desproporcionado e intimidatorio, máis propio de réximes totalitaristas que dunha democracia que recoñece o dereito lexítimo de reunión e manifestación.

A nosa intención era poñer de manifesto os recortes continuados en Xustiza durante os últimos anos, e facer entrega dunha carta coas nosas reivindicacións ao Conselleiro Rueda, pedindo non máis mentiras, a súa dimisión e a creación dunha Consellería específica de Xustiza, dado que a súa incompetencia é probada e manifesta.

Velaí os deixamos o texto da carta, non sen antes deixar un saúdo atento ao Director Xeral, que nos le con fruición; Good Morning, Vietnam!:




Ao Conselleiro de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela



Os abaixo asinantes, delegados sindicais de CCOO, UGT e CiG, en representación dos máis de 2700 traballadores e traballadoras da Administración de Xustiza, queren amosar a máis absoluta discrepancia coa xestión que está a facer o seu departamento con este servizo público nos últimos anos:



- Infradotación de medios materiais e persoais: pese á pompa e boato coa que anuncia modernizacións e axilización nos procedementos, os que vivimos o día a día dos xulgados sabemos que a Xustiza está ao borde do colapso e o principal prexudicado é o cidadán, que non atopa satisfeito o seu dereito constitucional á tutela xudicial efectiva. Atrévense a falar da Nova oficina xudicial, cando orzamentariamente a dotan de tan só 42.000 € para toda Galicia, unha demostración palpable da súa hipocrisía



- As infraestruturas, tamén publicitadas en visitas constantes a obras inacabadas, son insuficientes e mal conservadas. Exemplo palmario é a Fábrica de Tabacos, proxectada a súa posta en funcionamento para 2015 cando aínda non empezaron as obras. Os Xulgados teñen problemas de espazo debido a súa neglixencia na implantación do expediente electrónico, que provoca unha acumulación de papel nos sotos dos edificios xudiciais, sen control sobre a protección de datos, conservación ou o deber de custodia





- As condicións laborais dos funcionarios e funcionarias son nefastas, ata o punto de que retrocedemos varias décadas durante o seu mandado. Non só no aspecto retributivo, con supresión dunha paga extra en 2012, retirada do 4% da masa salarial en 2013 e 2014, conxelacións salariais,... senón tamén con aspectos que non supoñen aforro económico e si máis un ataque aos empregados públicos, na liña política de deterioro intencionado e desprestixio que favoreza futuras privatizacións: descontos nas nóminas por enfermar, incrementos na xornada laboral, perda de días de vacacións e de asuntos particulares, control case policial dos nosos movementos, etc. É dicir, colocar ao funcionario baixo a sospeita da lei de vagos e maleantes co fin de xustificar ante a sociedade os recortes



- Os deseños prístinos da nova oficina fiscal e a oficina xudicial non nolos cremos: non hai dotación económica nin incremento de medios persoais e materiais, polo que consideramos que non é máis que un cambio nominativo que non vai arranxar ningún dos problemas estruturais da xustiza, e moito menos cando a súa implantación faise unilateralmente e sen consultar cos traballadores a través das organizacións sindicais, aplicando o rodillo e desprezando a boa fe negocial nas mesas sectoriais de xustiza



Por todo isto, os abaixo asinantes, en representación de todo un colectivo, entregámoslle esta carta, como reprobación pola súa xestión, solicitándolle que polo ben da Administración de Xustiza presente a súa dimisión e que inste ao Presidente da Xunta a tomar as medidas oportunas para crear unha Consellería de Xustiza, con alguén á fronte que, ao menos, coñeza que representa a Xustiza como servizo público, a súa importancia para a cidadanía e para resolver os problemas acuciantes que esta crise xestionada a través de recorte tras recorte lles xerou.



Un saúdo