O Sector de Xustiza de CCOO - Galicia convoca folga na administración de xustiza o 8 de outubro


19 sept 2014





O pasado mes de xullo, Ramón Górriz, secretario confederal de Acción Sindical de CCOO, e Javier Hernández, responsable de Acción Sindical do Sector de Administración de Xusticia de FSC-CCOO, anunciaron en rolda de prensa a convocactoria dunha folga xeral para o vindeiro 8 de outubro en toda a Administración de Xustiza, contra o desmantelamento da Xustiza Pública.

O Sector de Xustiza de CCOO considera que hai que sumar á privatización do Rexistro Civil e a reforma da LOPX, que traerán ineludiblemente un incremento das cargas de traballo, perda de emprego e peche de órganos xudiciais, as circunstancias de recortes masivos que estamos a sufrir sen apenas oposición en Galicia. A folga é tamén contra a Xunta de Galicia, que mentres noutras comunidades, como Extremadura, Castilla e León e Valencia, os seus gobernos avéñense a negociar e recuperar paulatinamente dereitos, como o da paga extraordinaria de 2012, aquí son o paradigma da explotación laboral e a xordera fronte as lexítimas reivindicacións dos traballadores e traballadoras.

Hai motivos máis que suficientes para facer algo máis que concentrarse media hora diante dun xulgado para saír moi guapos e combativos nunha foto, sen desemerecer o mérito. A folga é un instrumento, non un fin en si mesmo. As diferentes loitas veñen demostrando que activarse contra os recortes serve: marea branca da Sanidade madrileña, folga do lixo en Lugo e Madrid, freo a lei do aborto pola oposición das diferentes Plataformas, etc.

Facemos un chamamento a todas as organizacións sindicais a secundar este chamamento, a colaborar en activar a todos os traballadores e traballadoras para evitar que sigan a pisotear os nosos dereitos e para concienciar á cidadanía de que a Xustiza, como servizo público fundamental, está en risco de desaparición. Somos coñecedores das dificultades de chegar a acordos con quen asinou un preacordo que, dende o noso punto de vista é un cheque en blanco para o Ministro de Xustiza, e que non se vai ver reflictido en definitiva na redacción da LOPX.

Para CCOO a folga é xa o único camiño, xa perdimos dabondo e o recorte que o goberno ten que facer no período 2014-2017, de 45.000 millóns de euros, como demanda Europa para axustar o déficit, vai repercutir no gasto público, é dicir, nas nosas nóminas.

- Perdemos un 30% de poder adquisitivo dende 2010, entre conxelacións salariais e descontos

- Aplícansenos descontos brutais por enfermar, a diferencia de xuíces, fiscais ou mesmo de compañeiros doutras comunidades como Navarra (conseguido tras unha folga indefinida) ou Aragón

- Perdimos días de asuntos e vacacións, feito este que foi simplemente un "azote" ao funcionario, xa que non supón aforro algún para as arcas públicas

- Privatización do Rexistro, afectando a máis de 200 traballadores na nosa comunidade

- A reforma da LOPX fará desaparecer decenas de órganos que non superen os módulos do Consello e o texto da lei segue a permitir a mobilidade forzosa. Ese invento abstracto e artificial das Oficinas de paz, sen funcións definidas nin a garantía de que van perdurar en todas as localidades

- Non hai acción social, temos novas funcións dun día para outro (expurgo), non se pagan as substitucións, non hai Oferta de emprego público, non se crean xulgados , amortizaron un 5% do cadro de persoal en 2012, non se negocian as condicións de traballo... e moitos e moitos ataques que nos retrotraen aos tempos das Olivettis

LOITEMOS PARA DARLLE A VOLTA!

FOLGA XERAL O 8 DE OUTUBRO!!