No BOE do 11 de marzo de 2014 aparece publicada a Resolución do 28 de febreiro de 2014, da Mutualidade Xeral Xudicial, pola que se desenvolve o réxime de prestacións de asistencia sanitaria transfronteiriza para o colectivo de mutualistas adscrito a entidades médicas privadas.
A devandita resolución vén a regular o exercicio do dereito á asistencia sanitaria transfronteiriza por parte dos mutualistas e beneficiarios de MUGEJU adscritos a entidades médicas privadas, o seu alcance, as condicións e requisitos para a súa prestación e o procedemento para o reembolso dos gastos pola devandita asistencia.
Esta resolución desenvolve para os mutualistas adscritos a entidades médicas privadas o disposto no Real Decreto 81/2014, do 7 de febreiro, do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade polo que se establecen normas para garantir a asistencia sanitaria transfronteiriza, aplicable aos mutualistas adscritos ao INSS.
Desta forma é aplicable a todos os mutualistas, estean adscritos a entidades médicas privadas ou aos servizos públicos de saúde, a Directiva 2011/24/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2011, relativa á aplicación dos dereitos dos pacientes na asistencia sanitaria transfronteiriza.
Ademais das exclusións de asistencia sanitaria xa incluídas no Real Decreto 81/2014, a resolución agora publicada tamén exclúe da súa aplicación determinados gastos que, conforme o Concerto Sanitario, non son a conta das entidades médicas privadas (asistencia sanitaria en supostos de estanzas temporais, gastos de medicamentos e prestación ortoprotésica). Tamén inclúe as tarifas para o reembolso das prestacións sanitarias e os procedementos diagnósticos e terapéuticos que non requiren autorización previa, e as tarifas de procedementos que requiren autorización previa (hospitalización e outros procedementos).
Recordamos que o dereito á asistencia sanitaria transfronteiriza é esencialmente o dereito ao reembolso dos gastos de asistencia sanitaria prestados nun país da Unión Europea en que o mutualista elixa ser tratado; que moitos destes tratamentos están suxeitos a autorización previa e que o reembolso non ten por que cubrir a totalidade de gastos.
No seguinte enlace: http://www.msssi.gob.es/pnc/portada/notaInformativaFeb.htm explícase con maior detalle o dereito á asistencia sanitaria transfronteiriza.