Arquivos e Expurgo: A Dirección Xeral de Xustiza elude a súa responsabilidade


24 mar 2014





O pasado 28 de febreiro tivo lugar na Dirección Xeral unha mesa técnica de arquivos e expurgo, a petición das organizacións sindicais, ante a sobrecarga de traballo que estaba a supoñer o expurgo en determinados órganos, labor atribuída sen ningún tipo de negociación e por imposición aos funcionarios de xustiza. Así mesmo, a mesa estaba convocada co fin de procurar unha solución aos saturados arquivos de xestión dos centros de traballo e os arquivos definitivos, máis que arquivos racionalizados, verdadeiros vertedoiros de papel. 

En dita mesa, a Subdirectora Xeral, Dolores Sáez, comprometeuse a buscar solucións entre todos, fíxose propósito de enmenda por non teren buscado cos representantes dos traballadores as fórmulas idóneas para non atribuír máis funcións aos traballadores que, en plena xeira de amortizacións (basta con ver as prazas bloqueadas no concurso de traslado), cunha vaga de recortes continua, e cos órganos colapsados por falta de medios persoais, ven como sen ningún tipo de remuneración, teñen o mandato imperativo de levar adiante o expurgo e ser eles os que fagan as labores de arquiveiros. 

 A Dirección Xeral apelou ao seu propio “voluntarismo” para solucionar o que, polo menos, considera un problema grave, e comprometeuse a convocar na semana seguinte unha mesa técnica. Tres semanas despois nin hai convocatoria, nin negociación, nin ningún tipo de solución, todos os compromisos foron incumpridos. Polo tanto, as Organizacións Sindicais con representación na mesa sectorial de Xustiza, CCOO, USO, UGT, CSIF e CIG, de forma unitaria, reivindican: 

1.- A convocatoria inmediata dunha mesa técnica de arquivos e expurgo, paralizándose en tanto non teña lugar a atribución de funcións de expurgo aos funcionarios de xustiza. 

2.- O nomeamento de dúas prazas por provincia de funcionarios de reforzo itinerantes, persoal que estaría especializado e cualificado para facer o expurgo con máis eficacia e rapidez. Subsidiariamente, que se oferten prolongacións de xornada voluntarias aos funcionarios de xustiza para levar a cabo estas tarefas. 

3.- A creación de verdadeiros arquivos territoriais, e non pequenas salas nas Audiencias ou TSXG, que son de todo punto insuficientes como arquivos definitivos e perpetuarían os problemas de espazo. 

4.- A participación sindical na Xunta de Expurgo, co fin de coñecer o ritmo dos traballos e servir de canle de unión entre dito órgano e os traballadores 

5.- A dotación suficiente das plantillas de persoal laboral, que está a desempeñar un gran traballo, inasumible cos raquíticos cadros de persoal de que dispoñen, e que a Dirección Xeral pretende solventar derivando funcións destes corpos aos funcionarios de xustiza 

Galicia, 21 de marzo de 2014