O ministro dos mercados, que non dos traballadores, informa pola prensa, sen ter en conta as mesas de negociación: “Montoro devolverá un día libre a los funcionarios inmediatamente" (Cinco días)
O ministro Montoro, goberna coa vista posta nos mercados que segundo el, “non son gilipollas” e que renovarán a confianza no Partido Popular, dando por sentado tacitamente que esta democracia é inexistente, xa que son os donos do capital os que deciden quen goberna e quen non, estando os traballadores e traballadoras considerados como unha simple mercadoría.
Para que esta crúa realidade que forma parte do seu cerne ideolóxico non subleve á clase traballadora, o ministro considera necesario abrir a espita dos dereitos secuestrados levemente de cando en vez, a base de esmolas miserables coas que pretende comprar o silencio da parte social.
A inmediata aprobación da Lei Orgánica de control da débeda comercial no sector público, prevista para antes do Nadal, introduce, nun lugar insólito e metida con calzador, unha reforma do Estatuto Básico do Empregado Público que establecerá con efectos inmediatos un día máis de asuntos particulares, catro en lugar de tres.
CCOO non tolera a actitude paternalista do ministro responsable da degradación da función pública, máximo executor do asalto aos nosos dereitos estatutarios e retributivos, coa perda de días de asuntos, vacacións, días por antigüidade, penalización económica por enfermar, perda do 30% do poder adquisitivo, sen OEP nin promoción interna, amortizando prazas cunha taxa de reposición salvaxe etc
Esiximos a recuperación para todo o persoal das Administracións Públicas de todos e cada un dos dereitos que nos roubou en xullo de 2012. No caso da Administración de Xustiza son seis días de asuntos particulares máis os adicionais por antigüidade.
En canto aos efectos prácticos da reforma que nos “agasalla” cun día máis, segundo o prometido como grande redentor do funcionario, será con efectos inmediatos para o 2013, polo que podería solicitarse ese día extra dende o día seguinte a publicación da lei no BOE (finais deste mes) ata o 31 de xaneiro.