Guía práctica para manifestantes baixo a nova Lei de Seguridade Cidadá


1 dic 2013


  O anteproxecto de reforma da Lei de Seguridade Cidadá aprobado este venres polo Consello de Ministros recolle un bo número de infraccións susceptibles de ser cometidas durante as formas de protesta que ateigaron as rúas durante a presente lexislatura. Este cuestionario pretende ser unha guía práctica sobre as multas contidas no anteproxecto, ao que aínda resta por incorporar novos informes dos ministerios de Xustiza e Facenda, recomendacións do Consello de Estado e a Axencia de Protección de Datos e as modificacións que introduza o trámite parlamentario.

Berrar "non nos representan" ante o Congreso nunha marcha non comunicada pode supoñer unha multa de 1.000 euros

Poderase gritar ante o Congreso "non nos representan"?
Se o fai participando nunha protesta previamente comunicada á Delegación do Goberno, non poderá ser sancionado. En caso contrario, incorrerá nunha infracción leve, castigada con multas de entre 100 e 1.000 euros. O mesmo ocorrerá se a manifestación é en calquera outro lugar. Se é vostede o convocante, por Twitter ou calquera outro medio, tamén poderá ser multado con esas cantidades, aínda que non apareza por alí. Ademais, pode que durante a protesta, alguén protagonice disturbios. Daquela, o convocante poderá ser multado cun máximo de 30.000 euros -falta grave- e Interior medita que só se salve do castigo se condena e mostra o seu rexeitamento público a eses disturbios.

E se participa en altercados?
O Código Penal xa recolle os delitos de danos e desordes públicas, así como o de resistencia ou atentado á autoridade. Pero se a súa actitude non reviste a gravidade que exixe o delito, Interior pódeo castigar cunha falta grave (1.000-30.000 euros) se causa "desordes graves ou incendios", tanto na rúa como en establecementos, e só se a súa conduta representa "un perigo para as persoas ou bens ou ocasiona alteración da seguridade cidadá".

Podo acudir a unha manifestación con carapucha, casco ou un gorro que me cubra a cara?
Se a policía considera que a súa conduta é pacífica, non incorrerá en infracción ningunha e nin tan sequera poderán obrigalo a que descubra o seu rostro. Pero se participa en altercados, a unha infracción grave pódeselle sumar outra de entre 1.001 e 30.000 euros por ir cuberto.

Saír do percorrido autorizado dunha manifestación pode ser castigado tamén con ata 1.000 euros de sanción

E se cambiamos o percorrido da manifestación?
Pode participar pacificamente nunha manifestación comunicada á Delegación do Goberno, pero se durante esta ou ao seu termo sae do percorrido autorizado, cometerá unha infracción leve, castigada con até 1.000 euros de multa.

Se non obedezo as ordes dos antidisturbios?
Estará a cometer unha infracción grave (1.000-30.000 euros), sempre que o policía considere que o desacato non ten a entidade como para denuncialo por un delito de resistencia á autoridade. Aquí inclúese tamén a negativa a identificarse.

Podo mostrarlle o meu DNI sen entregarllo?
A partir de que entre en vigor a reforma, non. A eiva neste aspecto solucionouse castigando con falta leve (até 1.000 euros) o negarse a entregar a documentación aos axentes. Estes queixábanse de que, se o requirido só llelo mostraba, non podían comprobar se se trataba dunha falsificación.

Insultar un policía será sancionado por infracción leve se o axente considera que o ameazou, coaccionou, inxuriou ou vexou

Que ocorre se insulto un policía?
O mesmo que se el considera que o ameazou, coaccionou, inxuriou ou vexou. Poderá ser sancionado cunha multa por infracción leve, de entre 100 e 1.000 euros. Como co resto das multas por infracción, poderá recorrer pola vía do contencioso-administrativo, cargada agora coas taxas xudiciais pola recente reforma do Goberno.

Podo colgar en Internet unha carga policial?
Si, sempre que o Ministerio do Interior non considere que atenta contra o dereito á honra do policía, á súa intimidade ou á propia imaxe, ou que poida pór en perigo unha operación ou a seguridade do axente ou a da súa familia. Se así ocorrese, hai prevista unha multa por infracción leve (100-1.000 euros).

Participar nunha manifestación convocada por Twitter non comunicada conleva unha infracción

Podo participar nunha protesta ante a sede dun partido convocada en Twitter?
Será unha infracción leve se non foi comunicada. No caso de que a protesta teña lugar durante a xornada de reflexión ou votación e ademais desenvólvase "cunha finalidade coactiva", o castigo endurécese sensiblemente. Participar nela pode custar entre 30.000 e 600.000 euros de multa, ben sexa ás portas da sede dunha formación política ou en calquera outro lugar. Fontes autorizadas de Interior consideran que as manifestacións do 15M de 2011 na Porta do Sol non tiñan intención "coactiva", pero si as que se produciron o 13 de marzo de 2004 ante a sede do PP para exixir a verdade sobre os atentados do 11M. Os convocantes teñen nestes supostos os mesmos castigos que os asistentes.

Coa nova lei, a policía está facultada para multar con ata 30.000 euros a quen intente parar un desafiuzamento

A canto sae parar un desafiuzamento?
Como o resto de infraccións da Lei de Seguridade, quedará a criterio da policía. A partir de agora, as forzas de seguridade estarán facultadas para impor multas de entre 1.000 e 30.000 euros a aqueles que se propoñan evitar o desafiuzamento das persoas que habitan un inmoble. Unha das infraccións graves do novo texto está destinada aos que protagonicen "actos de obstrución" á execución dunha decisión xudicial ou administrativa a cargo dunha autoridade ou cargo público.

Podo interromper o mitin dun partido ao berro de "si que se pode"?
Pode, pero ademais de arriscarse á reacción dos militantes, as forzas de seguridade poderán sancionalo por "perturbación da orde nun acto de campaña electoral". Resultado: entre 1.000 e 30.000 euros de multa. Cómpre destacar que revestirá a mesma gravidade interromper un mitin que a votación, o escrutinio ou o reconto de votos. Lembre que tamén pode incorrer nun delito se os seus actos encaixan nos descritos na Lei Electoral.

Interromper un mitin en campaña electoral multarase con entre 1.000 e 30.0000 euros; "ofender" a España por Twitter suporá unha multa grave

Que ocorre se berro contra España ou a policía ou o escribo en Twitter?
Estarán castigadas con multas de entre 1.000 e 30.000 euros as "ofensas ou ultraxes" a España, ás comunidades autónomas, ás entidades locais e ás súas institucións, aos símbolos ou aos himnos. Os xornalistas esforzáronse en que o ministro do Interior detallase que condutas concretas farían incorrer nesta falta grave, pero el escudouse en que iso o determinaría a "casuística". Polo redactado do anteproxecto, todo indica que sexa cal for a manifestación, este tipo de berros será sancionado con multas graves. E atención a escribilas en redes sociais: o articulado penaliza a súa difusión "por calquera medio". Se se producen dentro dos estadios, xa hai multas recollidas na Lei do Deporte.

Podo protestar ante unha central nuclear contra ese tipo de enerxía?
Se a protesta foi comunicada á Delegación do Goberno e non foi prohibida, non poderá ser sancionado. Pola contra, tan só con participar, pode levar a casa unha sanción de entre 1.000 e 30.000 euros por infracción grave. Se ademais as forzas de seguridade consideran que a súa actuación provocou "risco para as persoas ou un prexuízo" no funcionamento da central nuclear ou calquera das outras infraestruturas que a Lei 8/2011 considera "críticas", incorrería nunha falta moi grave, castigada con multas de entre 30.000 e 600.000 euros. Tan só sobrevoar cunha avioneta esa central ou outra infraestrutura crítica pódelle custar a unha organización ecoloxista até 30.000 euros.

Colgar unha pancarta dun edificio público pode costarlle ata 30.000 euros a quen realice a acción

E se a miña protesta consiste en descolgar un cartel na fachada dun edificio público?
Pois a multa sería de entre 1.000 e 30.000 euros se se decidise escalar o Congreso dos Deputados, o Museo do Prado ou calquera outra institución ou edificio considerado de interese "histórico-artístico".

Que outras formas hai de cometer estas infraccións?

Se comete tres leves nun prazo de dous anos, será castigado ademais coma se incorrese nunha grave. E se incorre en tres graves no mesmo período, coma se a súa infracción fose moi grave. Este é o principal argumento do Ministerio do Interior para pór en marcha un rexistro de infraccións, unha sorte de ficheiro policial de infractores, incluídos os desobedientes.

Publicado o 01/12/2013 en www.praza.com

Enlace permanente: pica aquí