A poucos días de finalizar o ciclo de asembleas informativas convocadas por todos os sindicatos da Administración de Xustiza en todo o Estado e, en particular, en Galicia, xa podemos adiantar o éxito da asistencia e participación dos traballadores a estas asembleas.
Durante estas semanas puidemos observar que o seguimento masivo produciuse tanto nas cidades onde as asembleas e mobilizacións teñen habitualmente unha repercusión moi importante coma noutras cidades que historicamente non se caracterizan por este feito.
Esta semana remataremos o ciclo de asembleas nas cidades de Galicia e no días pasados realizámolas en de Ourense, Padrón e Santiago cunha porcentaxe de participación moi alta, sobre todo se temos en conta que os Xulgados non se poden pechar.
O mérito da participación masiva nas asembleas de traballadores, tanto nas cidades grandes como nas pequenas, non é máis que do Sr. Rajoy e os seus recortes -paga extra 2012, supresión de seis días de asuntos particulares, dos días adicionais de vacacións e de asuntos propios, redución das prestacións da MUGEJU, mobilidade forzosa fóra do municipio, conxelación de oposicións e promoción interna, privatización do Rexistro Civil, privatización dos actos de comunicación e execución, reforma da Lei de Demarcación e Planta, supresión dos Xulgados de Paz, Lei de Taxas...- e dos Sres. Feijoo e Alfonso Rueda, así mentres que no resto do Estado os funcionarios de xustiza sufriron a conxelación dos seus salarios tanto neste ano como no que vén (coa excepción de Cataluña), en Galicia por estes Sres. acordouse para este ano e para o próximo: a subtracción de parte das nosas retribucións (dende os 830 euros que lle subtraen aos funcionarios de auxilio ata os 2896 euros do director do Imelga, pasando polos 938 euros dos tramitadores e 1096 euros dos xestores).
A maiores os Sres Feijoo e Rueda queren ditar unha regulación en materia de ITs que supoñerá un trato discriminatoria dos Corpos Xerais da Administración de Xustiza (auxilios, tramitadores, xestores e forenses) en relación cos xuíces, maxistrados e fiscais. Así mentres para un maxistrado ou fiscal ter unha gripe, unhas papeiras ou outra enfermidade contaxiosa non supoñerá ningunha mingua nas súas retribucións, para un auxilio, tramitador... supoñerá unha perda de retribucións de aproximadamente 30 euros por día os tres primeiros días (90 euros) e duns 15 euros por día do 4º ao 20º día de baixa.
Por se todo isto fose pouco, en Galicia acordouse a amortización de facto de 106 prazas. De feito estas amortizacións producíronse xa nalgunhas Audiencias Provinciais e Xulgados de Paz.
Se a participación masiva nas asembleas destes días se ve ratificado polos traballadores na votación de mobilizacións que terá lugar nos vindeiros días en todos os centros de traballo de Galicia, non cabe dúbida que conseguiremos dobregar á Administración na súa carreira de recortes.
Só unha mobilización contundente e maioritaria dos traballadores da Xustiza poderá facer fronte ás inxustizas, á supresión de dereitos e salarios e a todos os recortes que vimos sufrindo nos últimos anos.