Festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral de 2014


1 sept 2013




Publicado no Diario Oficial de Galicia do 8 de agosto



Consellería de Traballo e Benestar

Consellería de Traballo e Benestar


DECRETO 127/2013, do 1 de agosto, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2014 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal as comunidades autónomas teñen facultades de opción e de substitución por outras que por tradición lles sexan propias. Tamén poderán substituír as festas estatais que coincidan con domingo pola incorporación doutras da Comunidade Autónoma que lles sexan tradicionais.

Conforme o especificado anteriormente, facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, e substitúese o día 12 de outubro, Día da Hispanidade, por coincidir en domingo, polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de agosto de dous mil trece,


DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014

Ademais das festas de ámbito estatal que se sinalen, para o ano 2014 decláranse festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter retribuído e non recuperable, as seguintes:

17 de maio: Día das Letras Galegas.

25 de xullo: Día Nacional de Galicia.


Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán  determinadas pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, por proposta do órgano municipal competente dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.


Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 48.7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.


Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2013.


Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil catorce.


Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil trece


Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar