MESA SECTORIAL DE XUSTIZA - 4 DE XULLO
Reunidas as centrais sindicais con representación na mesa sectorial de xustiza de Galicia, CCOO, SPJ-USO, UGT, CSIF e CIG, coa Dirección Xeral de Xustiza, pasamos a informarvos dos asuntos que alí se trataron:
PROBLEMÁTICA NOS DESCONTOS NÓMINAS
Por todas as centrais sindicais solicitouse á Dirección Xeral que se recoñeceran os erros cometidos na confección das nóminas e a dificultade que a redacción das mesmas ocasionou ás compañeiras/os para o seu entendemento. Así mesmo, solicitouse que se expedira unha certificación de haberes ata o día da data, para comprobar os seguintes extremos:
- En relación ás compañeiras/os que solicitaron o anticipo da extra de xuño, para coñecer se coinciden tanto a cantidade bruta e líquida a percibir comparándoas coas compañeiras/os que non a solicitaron.
- En canto á retención sufrida no CAT e o IRPF deste complemento, solicitouse que se axustaran nos próximos meses as cantidades retidas indebidamente.
- Por outra banda, esiximos que a Dirección Xeral recoñecera a ilegalidade do feito de descontar máis contía da que se fixa no noso CAT mensual.
- Tamén se solicitou que a os compañeiros que estean de baixa por máis de seis meses se lles anule ese desconto, xa que non están a percibir o CAT, e polo tanto esas contías non se poden descontar por ningún outro concepto.
- Finalmente solicitouse que, no seu caso, ás compañeiras/os interinas se lles aplique a redución do CAT proporcionalmente ao tempo traballado.
DESCONTOS POR INCAPACIDADE TEMPORAL
Por parte do Director Xeral, ante a petición sindical unánime, acordouse un aprazamento para a negociación das IT, quedando polo tanto en convocarnos a unha mesa de traballo durante o mes de xullo para pechar este tema.
Por parte de todas as centrais sindicais esiximos, como premisa de calquera acordo, o que se nos aplique, como mínimo, a mesma normativa que a recentemente publicada para os membros da carreira xudicial e fiscal, por entender que de outra forma se estaría a vulnerar o principio de igualdade establecido na constitución nunha cuestión tan delicada como o dereito á prestación económica por enfermidade.
Polas centrais sindicais presentes na xuntanza solicitouse que non se produciran descontos en nómina mentras non se acaben as negociacións, comprometéndose a Dirección Xeral a que non se producirá ningún tipo de desconto durante o mes de xullo.
ORDE DE INTERINOS
Remitiuse o borrador da Orde á Asesoría Xurídica da Xunta para informe e, no seu caso, posterior publicación. Non se baralla unha data concreta para a publicación da mesma.