Juan José Martín, Director Xeral de Xustiza, nun acto de covardía e ineptitude sen precedentes, renuncia a recoñecer aos funcionarios/as de xustiza un dereito fundamental, o dereito á igualdade.
Di o refraneiro que non hai maior cego que o que non quere ver. O Director Xeral non é que sexa cego, e que, aínda que recoñeceu expresamente que o dereito a saúde merece especial protección e as consecuencias da reforma que supoñen descontos nas nóminas por incapacidade temporal son unha verdadeira aberración, autoimpúxose a etiqueta de incompetencia para non dar un paso atrás e corrixir a desigualdade normativa con outras persoas, e recalcamos o de persoas: xuíces, fiscais, e compañeiros doutros territorios como Navarra e Aragón gozarán dun réxime máis benévolo nas penalizacións económicas por estar enfermos.
Na mesa sectorial, tras amosar a nosa oposición frontal a un novo recorte, as organizacións sindicais, na procura dun mal menor, presentamos tres opcións alternativas ao Director Xeral:
- En primeiro lugar esiximos a retirada e non aplicación da reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, por resultar un ataque aos nosos dereitos e aos dos usuarios/as da xustiza, un novo recorte na busca de aforro económico, neste caso, dobremente grave, o chibo expiatorio da crise, o funcionario que non a provocou, pagará a enfermidade con minoración de retribucións, unha barbarie antidemocrática e obsoleta.
- Unha segunda opción era a asunción de todas as nosas alegacións, que incluía un réxime de non desconto por recaídas, contemplaba que non descontara por enfermidades contaxiosas como gripe, hepatite, que non se penalizaran as baixas que previsiblemente foran a ser de larga duración, etc. As alegacións, pese a ser enviadas e rexistradas hai máis de tres semanas, non foron nin lidas polo Director Xeral, como el mesmo recoñeceu.
- A terceira alternativa era a tradución da Instrución que se lles va a aplicar aos compañeiros e compañeiras de Aragón, un calco do réxime que se lles va a aplicar a caste xudicial máis protexida, os xuíces e fiscais. Non é de recibo e calquera o pode ver, que persoas, seres humanos que padecen as mesmas enfermidades e que comparten oficina xudicial, teñan un réxime diferente. Unha gripe dun xuíz non descontará e a dos funcionarios si. Benvidos ao sistema feudal. Na Comunidade de Aragón, pese a estar gobernada polo Partido Popular, aplicaron o sentido común, e igualaron o réxime de descontos entre todos os corpos, quizá o feito dunha maior sensibilidade pola condición de muller da Presidenta Rudi non se lle pode pedir a un autonomeado incompetente de mans atadas Juan José Martín, que se considera a norma inxusta e, tendo os medios, non a corrixe, debería dimitir.
Ante a negativa do Director Xeral de acollerse a ningunha das alternativas en uso da potestade discrecional que a lei lle da, e tratar de impoñer, como gran agasallo e de modo innegociable, o réxime do territorio ministerio, merece o noso desprezo a quen non só amosa unha vez máis a súa ineptitude senón a súa covardía para defender o sector que dirixe. Neste contexto, as organizacións sindicais levantámonos da mesa de negociación, por respecto a todo o cadro de persoal de Xustiza, a súa dignidade e ao exercicio do dereito a saúde. A situación lévanos a denunciar que unha mesa de traballo na que as condicións están prefixadas e unha das partes non ten liberdade nin marxe de actuación é inservible. Ante esta situación, e ata que non cambien as condicións desiguais entre corpos, detrás dos que hai persoas, os sindicatos mobilizarémonos con vós, interpoñeremos os recursos legais pertinentes, e utilizaremos toda a presión contra unha decisión inxusta, arbitraria, unilateral e discriminatoria, e máis cando a lei dálle a oportunidade de facelo, polo que só pode considerarse un desprezo cara ao cadro de persoal de xustiza que non estamos dispostos a tolerar.