Por Jorge Suárez
Nos últimos días, o xornal do goberno (neste caso non falamos da Razón,
senón do BOE) ven de publicar dous acordos que ben poderían terse redactado en
plena Idade Media, dada a súa natureza feudal, onde volven a dividirse as
relacións sociais na dualidade señor-vasalo, onde os home se clasifican segundo
a categoría social e os seus dereitos pivotan en torno a ela, e non na súa
condición de ser humano.
Falamos do dereito á saúde. No despropósito institucional de lexislar
contra os enfermos, os motivos económicos, o derrubo do público e a explotación
laboral mestúranse, solápanse e
confúndense nun todo ideolóxico
utilizado como arma para penalizar nas retribucións dos que sofren unha
enfermidade motivo de baixa médica. Cabe recordar que as baixas son asinadas
por un profesional sometido a xuramento hipocrático, un dobre desprestixio para
os facultativos, postos en dúbida na ética das súas diagnoses.
Os cómics de Ásterix e Obélix comezaban anunciando que toda a Galia estaba
tomada polos romanos, para a continuación salientar toda? Non! Unha aldea
poboada por irredutibles galos resiste aínda e sempre ao invasor. Estes
irredutibles galos no eido da xustiza son Xuíces e Fiscais, o seu bebedizo
máxico e a ostentación do poder, que os fai inmunes aos recortes do imperio, e
os eleva a categoría de señores feudais aos que tan só lles falta o dereito de
pernada. A iso alude o BOE: as súas gripes non son as nosas, a súa febre debe
ser máis contaxiosa e os seus padecementos máis insoportables, xa que as súas
retribucións non sofren mingua algunha, por obra e gracia do Faraón do Reino,
Sr. Gallardón.
Estas semanas estase a negociar en Mesa Sectorial de Xustiza de Galicia o
réxime de descontos por Incapacidade Temporal, nacido do infausto Real Decreto
20/12 (descontos do 50% os tres primeiros días e do 25% do cuarto ao vinte un).
A Dirección Xeral de Xustiza ten a potestade discrecional de establecer os
supostos que non darán lugar a desconto, xa que en virtude da LOPX é o órgano
competente para facelo, por causas excepcionais e xustificadas. A pelota está
no seu tellado e a disxuntiva é ben sinxela: vai a Dirección Xeral ser cómplice
da creba do principio democrático de igualdade ou vai consagrar as castes
xudiciais?
En 1466, na Gran Guerra Irmandiña, dicían que chegaría o momento en que os
gorrións habían de correr tras os falcóns. Hai seis séculos a dignidade do pobo
que coñecía as súas nulas posibilidades fronte ao poder establecido ergueuse en
armas contra os seus donos. Na idade contemporánea as nosas armas son a
lexítima e democrática protesta, a mobilización en todas as súas formas, e a
presión necesaria exercida polos traballadores e traballadoras para que as
mesas de negociación partamos dende unha posición de vantaxe: nós temos o apoio
de máis de dous mil funcionarios, vós tan só tedes a intención de criminalizar
ao empregado público. Temos a vitoria moral, e por moito que lexisledes,
vilipendiedes e humilledes, nós sempre poderemos tomar como máxima aquela de
Unamuno, en resposta a Millán Astray: “Venceréis, porque tenéis sobrada fuerza
bruta. Pero no convenceréis. Para convencer hay que persuadir, y para persuadir
necesitaréis algo que os falta: razón y derecho en la lucha”