Desmontando a Alberto: unha fuxida cara adiante.


23 may 2013


Por Jorge Suárez

Cando un político chega ao poder, trata de aplicar a súa ideoloxía na xestión do público. A dereita liberal non cre no Estado. É un axioma clásico e, polo tanto, o público sobra. O artigo 14 da nosa Constitución garante a igualdade de todos os cidadáns, pero é obvio, e así o ratifica o Tribunal Constitucional, que a aplicación deste dereito non pode ser radical: a igualdade é unha aspiración, non un punto de partida, para conseguila implica un trato diferente a colectivos que sexan diferentes. 

A reinvención da Xustiza emprendida por Gallardón consagra precisamente, ademais dunha xustiza de pago, o principio da igualdade radical, que, en realidade, implica un afastamento entre clases. Segundo as teses gallardonianas, a xustiza ten un prezo, e é o mesmo para todos, da igual que durmas nunha cama de ouro que no banco dunha estación de tren. 

A fuxida cara adiante do Ministro de Xustiza, sen contar con máis armas que a aplicación práctica dos principios da dereita liberal, aínda que soe rechamante, non é un acto de mala fe, e un acto de convicción ideolóxica. É unha carreira precipitada, a soidade do corredor de fondo, neste caso un bólido pola dirección contraria na autoestrada do sentido común. Sen ningún tipo de apoio, nin político nin social, e nin tan sequera dos que compartirían, por empatía conservadora, a súa revolución retrógrada cara a xustiza medieval (APM, por exemplo), Alberto Ruiz Gallardón avanza cara ao abismo levando nas costas o peso da xustiza. 

En menos dun ano, o Atila da Xustiza, asolou con bombas de racimo o Servizo público que defendemos: a lei de taxas, a privatización do Rexistro Civil e dos actos de comunicación, a supresión de partidos, a precarización do emprego público con redución de dereitos laborais e retributivos, a eliminación da xustiza de proximidade, a entrega da instrución á fiscalía, deixan a xustiza nun estado crítico e agonizante, onde se fai imposible a reivindicación de dereitos da cidadanía en pé de igualdade co aparato do Estado e as grandes corporacións. 

Precisamente Atila, na batalla de Chalons, arengou a súa tropa: “Caede sobre eles, rotos os osos, os corpos non se moven”. Pero nós, os que mellor coñecemos as nefastas consecuencias destas reformas radicais, aínda que feridos, non estamos mortos. Pecháronnos en Galicia e Madrid a vía negociadora, o diálogo social morreu de inanición, pero quédanos a unión, o compromiso coa historia de reivindicar o que cremos que debe ser a Xustiza: un servizo público dotado de suficientes medios materiais e persoais capaz de ofrecer garantías de cumprimento aos lexítimos dereitos da cidadanía, e o que non debe ser: un negocio para determinadas profesións liberais e un lastre que o ministerio lanza ao baleiro para non volver. 

O escepticismo na loita esténdese como un bidón de aceite derramado. Nada serve, concentracións, manifestacións, escraches, pitadas, folgas,... O modelo sindical ponse en cuestión, a tea de araña tecida polo sistema co altofalante dos medios de comunicación afíns, fai caer na súa enredadeira ao imaxinario colectivo, no que o sindicato pasa a ser parte do sistema e un inimigo máis. A crítica, en moitos casos, tivo, e ten, xustificación. Pero non pode embazar o cristal da realidade. Se non nos movemos, se non abandonamos o individualismo e pasamos a pensar como colectivo, se renunciamos a formar parte da mobilización sostida, seremos cómplices de Atila e, por omisión, corresponsables da barbarie. Cómpre abandonar os receos e sumarse á unión sindical e social, coa participación de todos e todas, e dar a batalla, por dignidade e por convicción. A resignación, a autoflaxelación, o decaemento son escusas para amparar a indiferenza, a ausencia de responsabilidade histórica, o egoísmo animal que impide o desenvolvemento dunha sociedade solidaria, complexa e fraterna. Está en xogo non só o futuro da Xustiza, tamén os nosos postos de traballo.