Ante a reforma da LOPX e LAC, chamamos á mobilización permanente


8 may 2013


Hoxe, 7 de maio, Gallardón presentará estas graves reformas no Congreso dos Deputados que atacan o centro de gravidade da Administración de Xustiza como servizo público universal e gratuíto que debe garantir os dereitos e liberdades, converténdoa nun instrumento ao servizo dos poderosos contra o conxunto da cidadanía

CCOO acusa a Gallardón do desmantelamento da Administración de Xustiza coa desaparición dos Partidos Xudiciais, das Audiencias Provinciais e dos Xulgados de Paz, coa encomenda dos actos de comunicación e execución aos Procuradores e coa adxudicación da instrución dos asuntos penais ás Fiscalías, porque deixa de ser unha ocorrencia da comisión de expertos e pasa a formar parte dos proxectos do goberno para 2013.

O programa nacional de reformas que o goberno do PP remitiu a pasada semana á Unión Europea considera, para o cuarto trimestre deste ano, a elaboración dos anteproxectos de Lei Orgánica Do Poder Xudicial e de Lei de Axuizamento Criminal

Ademais, tal e como CCOO informou onte, no consello de ministros do venres 3 de maio, o ministro Gallardón (o gran privatizador da xustiza española) informou do anteproxecto de reforma da Lei de Axuizamento Civil que converterá aos procuradores en axentes da autoridade privados e ao servizo das partes que poidan custearllo

Os documentos publicados ata agora son os proxectos de LOPJ e de Lei de Axuizamento Criminal, elaborados por unha comisión constitucional de expertos nomeada o pasado ano por Gallardón, e o Anteproxecto de Lei que modifica a LEC. Todos eles se poden consultar na web do Ministerio de Xustiza.


QUÉ PROPOSTAS PLANTEA O GOBIERNO?

A desaparición dos Xulgados de Paz, de todos os Partidos Xudiciais e das Audiencias Provinciais. A organización xudicial do estado quedaría establecida co Tribunal Supremo, a Audiencia Nacional, os Tribunais Superiores de Xustiza e os Tribunais de Instancia, estes últimos para a primeira instancia en todas as ordes xurisdicionais e con ámbito provincial (salvo en Madrid e Barcelona que poderán ter ámbito inferior ao provincial).

Poténciase a función pública dos Procuradores para que realicen actos de comunicación e de execución baixo a dirección dos Secretarios.

A atribución da dirección da investigación penal ao Ministerio FISCAL e Xunto a iso, a modificación do Código Penal que conterá con case total seguridade a ELIMINACIÓN das Faltas que pasarán a estar despenalizadas ou a ser delitos.


COMO AFECTARÁN ESTAS MEDIDAS ÁS NOSAS CONDICIÓNS DE TRABALLO?

A nova organización xudicial supoñerá que por debaixo do ámbito provincial non haberá ningún órgano xudicial (salvo en Madrid e Barcelona). A proposta do comité de expertos non concreta se isto significará que só haberá sedes xudiciais nas capitais de provincia ou tamén nalgunha outra cidade (como acontece actualmente cos Xulgados do Penal). O que é seguro é a desaparición de todos os Xulgados de Paz e Agrupacións, e das sedes xudiciais que non sexan as das capitais de provincia e, quizais, a dalgunha outra gran cidade.

Isto significará, por unha parte, o traslado forzoso ás capitais de provincia ou grandes cidades (no mellor dos casos) dos miles de funcionarios destinados nos Xulgados de Paz e nos Xulgados de partido que desaparecen. Recordemos que nunha das últimas modificacións da LOPJ, xa denunciada por CCOO, permite este traslado forzoso con cambio de residencia que se confirma na nova proposta onde desaparece a garantía de destino no mesmo municipio.

O segundo dos posibles efectos desta nova realidade organizativa da xustiza que se formula é o que afecta á destrución masiva de postos de traballo. A escasa ou nula convocatoria de prazas de funcionarios de xustiza nas Ofertas de Emprego Público (que CCOOten recorrida ante os tribunais de Xustiza) propiciou a existencia dun elevado porcentaxe de emprego interino que, na actualidade, rolda o 25% do total do equipo ao que hai que sumar un número tamén importante de persoal interino en prazas de reforzo que, en lugar de consolidarse en equipo, se manteñen como tales tras anos e anos de denuncia desta situación por parte de CCOO. En total, podemos estar a falar dunha cifra próxima aos 10.000 postos de traballo. Por agora, o persoal titular non pode ser despedido polo que os titulares afectados por traslados forzosos, motivados pola desaparición dun gran número de órganos xudiciais, pasarán a ocupar prazas que actualmente ocupa o persoal interino. É dicir, o Goberno central e os gobernos autonómicos con competencias terán a posibilidade de despedir entre 0 e 10.000 interinos e, vistas as políticas de recortes que se veñen formulando en todos os ámbitos, é doado supoñer que o efecto destas reformas sobre o emprego na adm.ón de Xustiza vai ser desvastador. Menos postos de traballo supoñerán ademais, para quen manteñan o seu, menos posibilidades de promoción interna, de traslado en concursos para obter mellores prazas, de nomeamentos de persoal interino e de posibilidades de acceso a través das oposicións.

Outro aspecto importante recollido na proposta da comisión de expertos é a nova consideración dos Procuradores como axentes da autoridade, dependentes dos secretarios e encargados dos actos de todos os actos de comunicación e determinados actos de execución. CCOO xa denunciou o que recollía a reforma da Lei de Axuizamento Civil 1/2000 na que se introduciu xa a posibilidade de que os Procuradores realicen actos de comunicación (reforma operada no ano 2009, e xa entón CCOO advertiu que con esa reforma se abría a porta á privatización do servizo público da xustiza); se trata de que isto sexa a norma xeral para todos os actos de comunicación e determinados actos de execución. Esta proposta, por si mesma, pon sobre a mesa a desaparición dos servizos comúns de actos de notificación e embargos e, tamén, a posibilidade de redución drástica dos equipos do persoal funcionario do Corpo de auxilio xudicial que verían restrinxidas sensiblemente as súas competencias. Unha vez máis, planea o perigo de desaparición de máis e máis postos de traballo e, ademais neste caso, postos que levan consigo incrementos retributivos sobre as retribucións complementarias ordinarias.

A desaparición das faltas (e, polo tanto, das gardas para xuízos de faltas inmediatos) e a asignación dos procedementos por delito ásFiscalías afectará directamente aos petos de todo o persoal funcionario destinado nos Xulgados de Instrución, de 1ª Instancia e Instrución e de Violencia sobre a Muller, que na actualidade realizan (e cobran por iso) calquera tipo de garda. Ben é certo que a proposta do comité de expertos formula a existencia de xulgados ou tribunais de instancia de garantías (para resolver sobre cuestións formuladas nos procedementos instruídos nas fiscalías e que afecten a dereitos fundamentais, como a prisión preventiva, intervención telefónica, entrada e rexistro en domicilios, etc.) nos que alguén terá que estar de garda e que o persoal da fiscalía terá que ampliarse nun número importante de funcionarios pero, por agora, non se concretou en que forma quedarán as gardas e, sen dúbida, o obxectivo dos gobernos afectados non vai ser a calidade do servizo público senón, simplemente, o aforro do gasto sen ter en conta, con toda seguridade, as persoas e familias que resulten afectadas.


CAL É A VALORACIÓN DE CCOO?

Xunto coa Lei de Taxas Xudiciais (que reduciu o número de asuntos en todas as ordes xurisdicionais salvo o penal) e a entrega (con mestura de ideoloxía e nepotismo) dos Rexistros Civís aos Rexistradores da Propiedade formúlase con estas propostas un escenario laboral incerto e perigoso para o futuro dos empregados públicos da xustiza.

Como sindicato socio-político, CCOO denuncia ademais o desmantelamento que paulatinamente se está a levar a cabo do servizo público da xustiza e a dificultade, cada vez máis manifesta, que se quere impoñer á cidadanía para o acceso ao dereito constitucional á tutela xudicial efectiva. O copagamento a través das taxas xudiciais, dos actos do Rexistro Civil e das minutas aos Procuradores por facer os actos que agora realizan de forma gratuíta as funcionarias e os funcionarios xudiciais; o afastamento dos Xulgados da cidadanía co peche de centos de sedes xudiciais nas localidades máis pequenas; a redución do emprego público, e a mingua dos dereitos retributivos e laborais dos que os desempeñan son a mostra de que tamén na Administración de Xustiza, este goberno favorece aos poderosos fronte ás clases populares, e de que está só preocupado por desmantelar o público, obedecendo de forma acrítica aos países do norte de Europa esquecendo os cidadáns e cidadás, ás familias que tanto di defender, as empregadas e os empregados públicos, aos parados e ás paradas, e a todos os colectivos aos que están a abandonar á súa sorte ao muxe desta indecente e inaceptable saída á crise económica que se está a formular.


CCOO SEGUIRÁ REIVINDICANDO O MINISTRO DE XUSTIZA MEDIDAS QUE GARANTAN: 


QUE NON DESAPARECERÁ NINGÚN POSTO DE TRABALLO NAADMINISTRACION DE XUSTIZA. 

QUE NON HABERÁ NOVOS RECORTES NAS RETRIBUCIÓNS DE NINGÚN FUNCIONARIO OU FUNCIONARIA DE XUSTIZA. 

QUE SE ELIMINARÁ A MOBILIDADE XEOGRÁFICA FORZOSA. 
A PARALIZACIÓN DE PROXÉCTOOS QUE SUPOÑAN A PRIVATIZACIÓN DE CALQUERA SERVIZO DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA. 



SÓ COA UNIDADE DE TODOS OS SINDICATOS E O APOIO DE TODAS E TODOS OS TRABALLADORES DE XUSTIZA PODEREMOS PARAR ESTE DURO ATENTADO ÁS NOSAS CONDICIÓNS DE TRABALLO E CONTRA O SERVIZO PÚBLICO DA XUSTIZA




A CONVOCATORIA DE MOBILIZACIÓNS SERÁ A ÚNICA POSIBILIDADE QUE NOS QUEDA PARA DAR UNHA CONTUNDENTE RESPOSTA

¡¡ MOBILÍZATE CON CCOO !!