"A política de axudas aos medios de comunicación debe ter un soporte legal, como sucede na maioría dos países europeos. Desta forma, o PPdeG comprométese a que as convocatorias de axudas dirixidas aos medios de comunicación se fagan de acordo coa lei e sempre con transparencia". Esta promesa estaba incluída no programa electoral co que os conservadores galegos concorreron ás eleccións en marzo de 2009. Ao retornaren ao poder con Alberto Núñez Feijóo á fronte concretaban este compromiso na garantía de sacar adiante unha Lei de Publicidade Institucional, a mesma que o propio Feijóo volveu prometer na campaña de 2012. Sen esta norma, as achegas do Goberno galego, xa sexa na forma de anuncios, convenios ou axudas directas, dependen na súa gran maioría da vontade política do propio Executivo. Unha parte destes cartos financian as insercións publicitarias e propagandísticas, que entre 2009 e 2012 superaron os 25 millóns de euros.
Ao contrario do que adoita acontecer, este dato non se corresponde cunha estimación procedente de sumar diferentes contratos publicitarios, senón que procede da propia Xunta. A través dunha resposta parlamentaria a unha pregunta escrita do BNG a Secretaría Xeral de Medios sinala que "as campañas desenvolvidas polos distintos departamentos da Xunta" neses catro anos "supuxeron un desembolso de 25.437.522 euros".
Contando os gastos do Xacobeo, o importe total das campañas supera os 40 millóns
O gasto en propaganda do Executivo adoitou estar entre os 5 e os 6 millóns anuais agás en 2010, cando chegou aos 9,1 millóns. En 2009, ano do acceso de Feijóo á Presidencia, quedou nos 5,3 millóns, en 2011 foron 5,96 millóns e en 2012, 5,1 millóns. Sempre segundo os datos oficiais, con estes cartos a Xunta financiou 25 campañas ás que cómpre engadir "o investimento en promoción e difusión do Xacobeo 2010", realizada "no bienio 2009-2010". Este "amplo programa de accións", tivo un impacto nas arcas públicas de 15,3 millóns de euros, o que eleva o montante total a 40,7 millóns en catro anos.
As campañas
Na mesma documentación achegada ao Bloque o Goberno galego debulla, dalgún xeito, a filosofía que inspirou cada unha das súas campañas publicitarias, se ben non especifica canto custou cada unha. Así, por exemplo, é posible coñecer que por tras a campaña Solidariedade contributiva estaba a intención de "concienciar sobre a corresponsabilidade entre cidadáns e Administración para garantir o sistema de prestación de servizos públicos de calidade" e "incidir na conveniencia de que todos os cidadáns (...) cumpran coas súas obrigas para poder preservar o estado de benestar neste momento de fortes restricións orzamentarias". Como informou Tempos Dixital, esa campaña custou 400.000 euros e foi semellante a outra licitada pouco despois, para a que o Goberno reservou 800.000 euros, como adiantou Praza Pública.
O Goberno relata os nomes e intencións de vinte e cinco campañas, pero non especifica canto custou cada unha
Tamén figura nesta relación de campañas a acción propagandística Galicia competitiva: a innovación, o emprendemento e a internacionalización como eixos clave para o crecemento económico e do emprego de Galicia. Estes anuncios, que sementaron a polémica en plena campaña electoral e cos que a Xunta pretendía inxectar "optimismo" ante a crise económica e "incrementar a confianza dos galegos no futuro, facéndolles sentirse un factor activo e decisivo na recuperación económica", tiveron un impacto de case un millón de euros no erario. Un chisco máis é o que custou a campaña Medicamentos xenéricos, cuxa retirada foi esixida pola oposición e que, segundo a Xunta, cómpre que sexa enmarcada nun "plan de austeridade aplicado á mellora da prescrición e uso racional do medicamento". Como recolleu este diario, estes anuncios superaron o gasto de 1,2 millóns de euros.
As outras achegas aos medios
Modernización da sanidade pública en Galicia, Incendios forestais ou Galicia Calidade como concepto global para o impulso da economía e industria de Galicia son outras das campañas admitidas pola Xunta nun contexto no que, non obstante, as insercións publicitarias ou propagandísticas non son, nin de lonxe, a principal vía para inxectar fondos nos medios de comunicación. Así, por exemplo, no informe do Consello de Contas no ano 2010 ao que tivo acceso Praza Pública -e que aínda non foi tramitado no Parlamento- reflíctese que, en tan só un ano, o Goberno achegou ás empresas editoras de xornais, radios e televisións máis de 15 millóns de euros dos que só o 11% foron asignados "mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva".
A Secretaría Xeral de Medios asegura que "todas as campañas eran necesarias" e responden á "utilidade pública"
Con este pano de fondo, na mesma resposta parlamentaria o Executivo asegura que "todas as campañas eran necesarias" e "axustáronse ao establecido" á lei estatal de publicidade institucional, "tendo como obxectivo común o de estar ao servizo das necesidades e intereses dos cidadáns e dos colectivos nos que se integran". Á falta dunha lexislación propia, a Xunta asegura que "o criterio que se utiliza para decidir a realización de gastos de propaganda é que a campaña institucional dea resposta a unha necesidade e a un obxectivo de utilidade pública, garantindo que estas accións (...) supoñan un servizo para os seus destinatarios lexítimos, que son os cidadáns".
Xunto a esta xustificación, a Secretaría Xeral de Medios asegura que, en momentos de crise,"optimiza ao máximo o uso dos recursos públicos, pero sen desatender as obrigas da Administración de informar aos cidadáns dando resposta ás súas necesidades, dereitos e intereses". Xunto a todo isto, o Goberno popular engade que "o gasto da Xunta en campañas publicitarias na pasada lexislatura recortouse nun 50% a respecto do investido no período 2005-2009".
Publicado o 20/05/2013 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí