No día de onte, as cinco organizacións sindicais que conformamos unha plataforma común fronte a desastrosa implantación da Numo en Galicia (SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO), recibimos un correo remitido pola Direción Xeral de Xustiza, no que, sinópticamente, nos comunicaban a súa intención de convocarnos a unha próxima mesa sectorial, que (segundo eles) por motivos de documentación e informes non podería ser antes de finais deste mes de Maio.
Esta
convocatoria non foi remitida pola vontade negociadora da DX, senón que foi
froito da presión exercida polas cinco organizacións tras a celebración de
concentracións en Santiago, Vigo e Coruña, así como asambleas informativas en
Ferrol e, no día de hoxe, en Lugo.
As cinco
organizacións, insistimos reiteradamente en datas pasadas na necesidade de
celebrar unha mesa para analizar a implantación da Numo en Galicia, estudar as
súas eivas e valorar entre todos unha solución para mellorar todas as
carencias. Pero non foi ata que comezamos con estas concentracións e asambleas
cando a DX se dignou a respostar. E iso, no ultimo día e a última hora do prazo
que lle concedemos, e que remataba no día de onte.
Como xa informamos con anterioridade, esa mesa tería que levar como orde do día os puntos que esta plataforma propón como inexcusable obxecto de negociación e que son os relativos á ampliación de RPT`s e reforzos temporais previos, eliminación de sobrecargas de traballo, creación de equipos estruturais, eliminación de decisión arbitrarias dos Letrados Coordinadores, actualización dos programas, formación presencial e eficiente, implantación do teletraballo e racionalización dos espazos físicos.
Por todo iso, consideramos fundamental a vosa asistencia e participación nas asambleas que estamos a celebrar por toda Galicia. A vosa implicación será a nosa forza.