A Dirección Xeral de Xustiza ven de remitirnos o texto pechado da orde de horario e vacacións para o ano 2013. Antes da súa aprobación definitiva e publicación, debe ser remitido ao Consello Xeral do Poder Xudicial, para informe vinculante. A burocratización da Dirección Xeral e a súa reticencia negociadora traerán como consecuencia que, novamente, esta orde se aprobe case a mediados de ano.
- A unidade sindical e a presión conxunta acadan unha orde vantaxosa respecto a outros territorios e administracións, e tendo en conta a brutal agresión que supuxo o RD 20/12 aos nosos dereitos, onde o horario máximo a cumprir convértese en mínimo, o mantemento e melloras alcanzados significan un gran logro sindical.
- Mantense a xornada de sete horas diarias.
- Acadamos conservar o horario de verán (desaparecido en moitas administracións) e unha semana grande de horario reducido.
- Amplíase o abano de horario fixo na xornada de verán, computando dende ás oito e media, en lugar de ás nove.
- Mantense os horarios especiais do Rexistro Civil
- Continúa excluído o control horario das competencias dos Secretarios/as Xudiciais
Porén, a intransixencia da Dirección Xeral supuxo un freo a consecución de dereitos respecto ao horario que estaban dentro da súa potestade discrecional e non significaban custo económico algún:
A iniciativa de todas as organizacións sindicais con representación na mesa, e visto o maior recorte en días de asuntos propios en comparación con outras administracións (de nove a tres días), propuxemos que os excesos de xornada puideran computarse por xornadas completas cun tope anual, (agora mesmo só pode compensarse no flexible co tope do 10%). Con esta proposta cumpriríase o horario en cómputo anual e non ocasionaría prexuízo algún a administración. A Dirección Xeral, pese a negativa a contemplalo nesta orde que debe pasar o visado do CXPX, comprometeuse a valoralo para incluílo na orde de vacacións, permisos e licencias. A presión sindical irá nesa dirección, co fin de paliar o maior dano sufrido nos nosos dereitos.
A pesares da proposta unitaria, a DXX tamén se nega arbitrariamente a ampliar o horario de fichaxe ata as oito da tarde en inverno e ás seis e media en verán.
Galicia, 9 de abril de 2013