Concentración o martes diante do Parlamento para denunciar os recortes


26 feb 2013



  • Os sindicatos deixaron plantada a Consellaría de Traballo na reunión de hoxe e denuncian un «ERE encuberto» na Xunta
A Plataforma Galega de Servizos Públicos, da que forma parte Comisións Obreiras, convoca para mañá martes unha nova concentración para denunciar os recortes. Será ás 12 horas diante do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo de Santiago de Compostela.
Imaxe da concentración da Plataforma do pasado día 21
Imaxe da concentración da Plataforma do pasado día 21
Esta plataforma xa convocou hai poucos días, o pasado 21 de febreiro, concentracións en todas as cidades do país polo mesmo motivo.

ERE encuberto na Xunta

Por outra parte, hoxe tivo lugar unha nova reunión entre CCOO, UGT, CSI-F e CIG coa Consellaría de Traballo pola relación de postos de traballo (RPT), que inclúe despedimentso e amortizacións de prazas. Por mor da actitude do departamento autonómico, os sindicatos erguéronse da mesa de negociación por consideraren que se está a formular unha proposta de ERE encuberto, incumprindo así a normativa laboral vixente.

As catro organizacións sindicais consideran que o Goberno da Xunta lles segue «mentindo» aos empregados e empregadas públicos e ao resto da cidadanía, pois «prometeran que non habería despedimentos na Administración autonómica». Consideran, ademais, que o precedente da Consellaría de Traballo podería abrir as portas a despedimentos noutros departamentos.

Por último, os sindicatos piden unha xuntanza «urxente» co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que «interveña e dea explicacións» ante o que consideran un «novo incumprimento» do Goberno galego en relación á función pública.



Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2013