Convocatoria de cursos preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, 2, 3 e 4


7 ene 2013


A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) publica no DOG do 7 de xaneiro de 2013 a convocatoria para solicitar a participación en cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, para particulares (adultos) e colectivos, entidades e/ou organizacións, con carácter voluntario e gratuíto.

 Os cursos realizaranse nas cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, de acordo co anexo III da convocatoria. Tamén haberá cursos naquelas localidades que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, e agruparanse preferentemente por bisbarras. 


 A convocatoria está dirixida aos seguintes destinatarios/as: a) Particulares que desexen participar nalgún dos cursos que figuran no anexo III da convocatoria. b) Colectivos, entidades e/ou asociacións que desexen organizar cursos de lingua galega e que conten cun mínimo de 20 persoas preinscritas para participar nos cursos (nome, apelidos e número de DNI/pasaporte) e dispoñan dun local convenientemente equipado para a súa impartición. En todo caso, deberán contar con mesas, cadeiras e encerado ou rotafolios. Os cursos que se organicen e impartan ao abeiro desta convocatoria deberán estar finalizados antes do 30 de maio de 2013. 



Na programación sinalaranse as datas de comezo, o horario e o lugar onde se impartirá cada curso. En todo caso, os organizados por colectivos ou entidades non poderán empezar antes do 11 de marzo. Presentación de solicitudes e prazo As persoas interesadas en asistir aos cursos programados directamente presentarán a súa solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I (solicitudes individuais), mentres que os colectivos, entidades e/ou asociacións que estean interesadas en organizar cursos farán a solicitude de acordo co modelo que figura como anexo II (solicitudes de colectivos). As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística da provincia que corresponda. 



Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED104B e ED104D, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web http://www.xunta.es/linguagalega, que permite cubrir e editar a solicitude. 



 A data límite para a presentación de solicitudes para todos os cursos é o 25 de xaneiro de 2013. 



Máis información no DOG do 7 de xaneiro de 2013 e na páxina dos Celga da Secretaría Xeral de Política Lingüística.