O caso de David Reboredo reafirma "a arbitrariedade" do Goberno español na concesión de indultos


11 dic 2012



Marcos Reboredo é un dos catro irmáns de David, o vigués que vén de entrar no centro penitenciario da Lama porque o goberno español non o quixo indultar. Quen o coñece di que está "completamente rehabilitado" e que traballa arreo como axente de saúde, facendo as veces de mediador entre outr@s enferm@s e os centros onde se recuperan da súa adicción. Porén, o ministro de Xustiza preferiu envialo ao cárcere, cumprir sete anos de condena por intercambiar dúas papelinas con 400mg de heroína


BETI VÁZQUEZ

Pola volta de 300 persoas concentráronse nesta segunda feira ás portas do museo Marco, en Vigo, para exixiren que o goberno español indulte o seu veciño David Reboredo. Todas levaban un pano branco arredor dos ollos, reclamando unha xustiza cega fronte ao "patio de amiguetes" en que o executivo de Mariano Rajoy outorga este perdón, en palabras de Marcos Reboredo, irmán de David.

 O PP indultou dúas veces os catro mossos d'Esquadra condenados por torturas
En once meses na Moncloa, o PP indultou en até 468 ocasións. Houbo casos que espertaron polémica entre @s profesionais da xustiza, como o indulto aos militares José Ramón Ramírez e Miguel Ángel Sáez, condenados por falsearen a identidade de 30 d@s 66 mort@s no accidente do Yak-42; o indulto ao ex alto cargo de Unió Democràtica de Catalunya Josep M. Servitje e ao empresario Víctor M. Lorenzo, sentenciados por desviaren fondos encargando informes "inútiles" e cuxo perdón non recibiu o visto e prace do tribunal que os condenara.
Tampouco a Audiencia de Barcelona estivo de acordo na extinción da responsabilidade penal que o ministerio de Xustiza decretou para catro mossos d'Esquadra que foran condenados por torturas e aos que xa se lle concedera outro indulto. Así, o ministro Gallardón librounos do cárcere ao rebaixarlle a dous anos a pena imposta, de catro anos e medio, ao considerar probado o maxistrado encargado do caso que apalearan, ameazaran e chegaran a lle meter ao detido unha pistola na boca.
Por non teren antecedentes, non terían que entrar en prisión após a rebaixa da pena de febreiro, mais a Audiencia barcelonesa decretou igualmente o seu ingreso no cárcere. Porén, o goberno español volveu indultalos, conmutándolles a privación de liberdade por unha multa de dez euros ao día durante dous anos.
Sete anos por dúas papelinas con 400 mg de heroína
Volvendo ao vigués David Reboredo, tamén el solicitou o perdón ao estar "completamente" rehabilitado da adicción ás drogas que padecía. Solicitouno dúas veces, e negáronllo as dúas. Nestes días ingresou no cárcere da Lama, para cumplir unha condena de sete anos acusado de vender dúas papelinas de heroína. Entre as dúas suman 400 miligramos de substancia psicoactiva.

A David Reboredo pedíronlle seis anos de prisión por unha papelina de 100mg 
Segundo a Organización mundial da saúde, OMS, a substancia psicoactiva mínima sería de 10 miligramos, e a partir de tal cantidade o intercambio de papelinas trataríase como un delito contra a saúde pública. "Se lle das dez miligramos a un bebé por suposto que ten efectos moi nocivos; porén, estamos a falar de toxicómanos cuxo consumo será dun gramo diario", explica Marcos Reboredo, quen se queixa de que para o seu irmán, na segunda ocasión en que foi imputado --unha en 2006 e outra en 2009-- a transacción era de 100 miligramos e "chegaron a lle pedir seis anos de cárcere". Finalmente foi condenado a tres anos.
O estigma social e cando a palabra da policía vale máis que as probas
"O do meu irmán é un caso atípico porque conta co apoio de toda a familia e ten un avogado privado", explica Reboredo, remarcando que no lugar onde vive e traballando onde traballa --no grupo de autoaxuda O Imán, onde David tamén colaborou como axente de saúde-- "o que está a pasar con David é o pan de cada día". Marcos R. denuncia que na sección 5ª da Audiencia de Pontevedra, radicada en Vigo, "caso de toxicómano que chega caso que vai parar ao caixón". Os expedientes resólvense axiña porque @ xuíza ou o xuíz unicamente acepta unha proba: a chamada proba de veracidade da autoridade. Como explica Reboredo, "que viron a A pasándolle unha papelina a B".

A familia de David quéixase de que na sección 5ª da Audiencia de Pontevedra unha proba pesa sobre as demais: a de veracidade da autoridade 
"A partir de aquí", continúa Marcos Reboredo, "xa podes ter todas as probas do mundo, que é a túa palabra contra a da policía". Moi claro nas súas explicacións, o mozo Reboredo compara o funcionamento desta sección da Audiencia pontevedresa "coa produción en cadea. É como se a Revolución Industrial chegase á xustiza en Galiza", e reprocha que xulga esquece que quen senta no banco d@s acusad@s "é unha persoa enferma".
O caso de David Reboredo, ano a ano
Repasando de maneira cronolóxica o caso de David Reboredo, o vigués foi collido nunha transacción en 2006, entrementres intercambiaba con outro toxicómano unha papelina de 300 miligramos de heroína. Meses despois tivo lugar a vista oral na sección 5ª, aplicándolle a atenuante de drogadicción e tomando en consideración que os seus antecedentes penais --por delitos menores vinculados á adición que padecía-- ficaban cancelados desde 1996. Aínda así, condenárono a 3 anos e medio de prisión.

Ao ser enxuizado na Audiencia provincial o único recurso que cabe é de casación, e preséntase perante o Tribunal Supremo. Tal e como recorda Marcos Reboredo, con tal recurso pídese a anulación dunha sentenza porque durante o xuízo se interpretou mal unha norma ou se vulneraron os dereitos d@ acusad@. Non era o caso de David. O Supremo denega o recurso e o vigués ten que entrar no cárcere.
Con todo, a familia reclamou a suspensión da privación de liberdade e a conmutación por outra pena. Concedéuselle en 2008, baixo dúas condicións: que non delinquise e que non consumise. "Non podía dar positivo en ningún control, e aquí é onde os xuices se toman atribucións de médicos. Non estamos de acordo en que a drogadicción é unha enfermidade, e en que as recaídas fan parte da terapia? É como se un enfermo de cancro que non soporta ben a quimio deixamos de tratalo", revólvese Marcos R.
"A drogadicción é unha enfermidade e as recaídas fan parte da terapia"
En 2009, a policía española colleu a David durante unha segunda transacción, de 100 miligramos, e quixo envialo de volta ao cárcere. A comezos deste ano solicitáronse dous indultos, un por cada pena imposta, que xuntas suman sete anos de privación de liberdade. Entrementres se tramita o perdón, a pena fica suspendida. Até doce organizacións que traballan man a man con persoas toxicómanas asinaron un escrito apoiando o indulto para David, pois durante o tempo que ficou fóra do cárcere traballou como axente de saúde en O Imán --a persoa que media entre toxicóman@s e o centro de tratamento, estabelecendo unha relación de confianza para que acepten de bo grao a terapia.
"Completamente rehabilitado", mais encarcerado na Lama
David traballou arreo neste centro entre 2007 e 2012. Quen o coñece defende que está "completamente rehabilitado". Porén, o goberno español denegoulle os dous indultos. Un en setembro e o outro en outubro, sen argumentar motivación algunha, pois a lei que regula os indultos, de 1970, non obriga a facelo. Até 200 xuízas e xuices de todo o estado asinaron un manifesto contra o indulto aos catro mossos condenados por torturas. Practicamente todos os grupos da oposición exixiron no Congreso un control destes perdóns, e que sexan motivados.

A lei que regula os indultos data de 1970 e non obriga a argumentar por que se conceden ou se denegan
Aínda que o seguen a reclamar, remitíndolle unha carta a El-Rei, a familia de David Reboredo ten claro que se trata dunha medida "arbitraria" que depende "do estrato social do que saias", redundando no estigma que se lles coloca as persoas toxicómanas. 


Marcos Reboredo insiste en que a voz de David puido escoitarse "porque ten o apoio da familia", e recalca que "o habitual é velos entrar na cadea coa cabeza agachada despois de que o avogado de oficio lles diga que non hai nada que facer". Porque "se están tan estigmatizados, quen vai loitar por eles?"

Publicado o 12/12/2012 en www.sermosgaliza.com

Enlace permanente: pica aquí