Formación para as novas incorporacións polo concurso de traslados


3 dic 2012


O vindeiro luns, 3 de decembro, comezará o proxecto formativo destinado ao persoal que cambia de posto de traballo como consecuencia do concurso de traslados de 2012. Esta formación tamén estará dispoñible para o persoal que se reincorpore ao seu posto de traballo despois dunha liberación sindical.
Co fin de que este persoal reciba a formación máis axeitada e personalizada para o posto de traballo ao que se vai incorporar, deseñouse un plan de formación no relativo aos postos de orixe e destino e asignouse un titor a cada alumno. Os titores serán os encargados de guiar a cada un dos alumnos durante os primeiros meses na súa aprendizaxe.
As actividades previstas son:
  • Acollida inicial, na que se lles indica aos alumnos cales son os seus obxectivos de aprendizaxe e se lles facilita unha planificación xeral de formación. Tamén se lles informa sobre o proceso de aprendizaxe completo asociado á súa incorporación á Administración de xustiza en Galicia. Esta acollida realizarase a través do correo electrónico.
  • Acceso á documentación necesaria para o cumprimento dos obxectivos de formación de cada un dos alumnos.
  • Resolución, durante os horarios de titorías, das dúbidas dos alumnos.
  • Resolución das dúbidas dos usuarios a través da Comunidade Virtual de Aprendizaxe da Administración de xustiza en Galicia, mediante os foros e o formulario de consulta en liña.
  • Seguimento e avaliación da aprendizaxe dos alumnos, para recomendarlles a asistencia ás actividades formativas que se organicen e que mellor se adaptan ás necesidades do alumno. Estas actividades poderán ser remotas ou presenciais.
Os contactos dos titores cos alumnos realizaranse a través dos distintos medios técnicos cos que conta a Administración de xustiza en Galicia: Comunidade Virtual de Aprendizaxe (foros e consulta en liña), correo electrónico, teléfono e videoconferencia.
A formación prevista, que estará guiada en todo momento por un titor, desenvolverase en dúas fases:
  • Formación en temas xenéricos, organizativos e administrativos.
  • Formación específica nas aplicacións informáticas da Administración de xustiza en Galicia.