Cando Feijóo dicía que os funcionarios "xa se esforzaron bastante"


27 dic 2012



O pasado verán Galicia arrecendía a adianto electoral.O rescate que semellaba inminente, o incerto futuro de Novagalicia Banco ou o desemprego galopante parecían factores máis que suficientes para que o PP decidise un adianto que todos os seus dirixentes negaban en público. Mentres os conservadores enleaban nos titulares de prensa coa defensa de medidas de última hora como o recorte do Parlamento o presidente da Xunta aproveitaba un acto tan estival como ainauguración dun albergue de peregrinos no Pino para, a preguntas da prensa, gabar o "enorme esforzo" que estaban a realizar os empregados e empregadas da Administración, suficiente como para non ter que cargarlles máis o carro dos recortes. Xusto o contrario do que o revalidado gabinete de Alberto Núñez Feijóo vén de decidir, coa tesoirada dun 4% nos salarios do persoal público.
Naquela declaración, efectuada despois de que o Goberno central ratificase a supresión da paga extra de Nadal, Feijóo seguraba crer "que aos empregados públicos xa non lles podemos pedir máis", tanto pola supresión da extra como pola "baixada retributiva" do 5% aplicada por Zapatero que el, aseguraba, non compartía. Un mes despois daquelas verbas o daquela lehendakari vasco, Patxi López, adiantaba as eleccións vascas ao 21 de outubro e sete días máis tarde Feijóo facía o propio coas galegas. O primeiro día despois do adianto o líder conservador retomaba o seu discurso sobre os funcionariado e demais persoal da Administración pero en clave de compromiso: Se o PP volvía gobernar, en Galicia non habería recortes salariais, víñalles dicir.
"Eu aos funcionarios non lles vou pedir máis esforzos dende o punto de vista retributivo, xa fixeron bastante", dicía Feijóo tras convocar as eleccións
Nunha entrevista co Faro de Vigo Feijóo realizaba unha promesa diáfana: "Eu aos funcionarios non lles vou pedir máis esforzos dende o punto de vista retributivo. Xa fixeron bastante", sentenciaba o presidente, que iniciaba o camiño da reelección afirmando ademais que o plantel da Xunta podía "estar tranquilo" malia ao decreto do Goberno central que viña de abrir a prota a aplicación de despedimentos colectivos da Adminstración. "Aos contratados temporais e aos funcionarios pedímoslles un esforzo, pero o seu traballo non corre ningún risco", declaraba na mesma entrevista.
Naqueles mesmos días o aspirante a revalidar a Presidencia explicaba, neste caso dende os micrófonos de RNE, que a súa aposta por non recortar salarios era perfectamente conciliable con reducir gasto de persoal. Nos Orzamentos de 2013 a Xunta ía ter "unha capacidade enorme para aforrar" neste gasto pero por vías como o control do absentismo, nunca con retalladas. Con estas afirmacións foi chegando o período electoral e, a poucos días da cita coas urnas, mesmo se desmarcaba da supresión de pagas extra, que solo acataba por que cómpre "cumprir a lei". Pero, na súa opinión, "sería mellor un recorte proporcional ao longo do ano", explicaba nunha conversa co diario El Progreso.

O recorte, ausente do programa do PP

O recorte non figurou no programa co que o PP concorreu aos comicios de outubro
Ao longo da propia campaña electoral Feijóo repetía en múltiples intervencións públicas que a "solvencia" de Galicia permitía non recortar soldos públicos. "Hai catro anos eramos o exemplo a evitar e hoxe somos o modelo a seguir", dicía o 12 de outubro nun mitin no Barco de Valdeorras. En todos eses actos electorais o conservador prometía o cumprimento do seu programa, un "único" compromiso fronte aos "cinco partidos" que, reiteraba, eran a única alternativa ao PP. Non obstante, unha ollada a ese programa permite coñecer que o recorte que agora se anuncia non estaba incluído nel.
Nas seis páxinas que o programa popular dedicaba á función pública o PP anunciaba a súa intención de "continuar realizando unha permanente adaptación das estruturas administrativas" á "situación económica", con "medidas que, dentro das restricións orzamentarias, poidan motivar os empregados públicos a traballar mellor e aumentar a súa produtividade". "Os importantes sacrificios realizados polos empregados públicos nos últimos tempos deben ser recoñecidos con medidas de flexibilización e estímulo ao rendemento", reflexionaba o documento antes de anunciar proxectos concretos como unha Lei do Estatuto Galego do Empregado Público ou cambios nos procesos de selección de persoal. Pero nada de recortes ata o pasado venres, dous meses despois das eleccións.
Publicado o 26/12/2012 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí