A Xunta recorta nun 4% o soldo dos empregados públicos


21 dic 2012



Cumpríronse as peores expectativas. Os empregados públicos terán que afrontar unha redución media do 4% do seu salario no vindeiro ano 2013, segundo explicou este venres a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, logo da xuntanza mantida cos sindicatos UGT, CCOO e CIG e máis co presidente da patronal. Con este novo axuste, o Goberno galego pretende aforrar 125 millóns de euros ao tempo que agrava a situación dos funcionarios, logo duns últimos anos asumindo rebaixas salariais e de condicións laborais.
Así, Muñoz explicou que os empregados públicos verán recortadas o próximo ano un 40% as súas dúas pagas extras, unha rebaixa que se aplicará a través dos complementos específicos. A Xunta sostén que, deste xeito, os empregados públicos, en lugar de perder unha paga extra completa, como este ano, ingresarán o 60% en cada unha delas, o que lles suporá "recuperar" un 3% respecto de 2012, pero perder un 4% con respecto a 2011.
A xustificación desta nova medida de axuste -que incumpre a palabra dada por Núñez Feijóo durante os últimos meses- intentáa dar a conselleira, que acalara que a supresión da paga en 2012 provocou unha rebaixa do 7% no salario, que agora se verá compensada en parte mediante o recurso de pagar as dúas extras, pero reducidas.
Segundo a titular de Facenda, a recuperación de fondos respecto deste ano será "progresiva", de modo que recobrarán máis porcentaxe quen menos ingresa. Así, os salarios máis altos recuperarán ao redor dun 1%, fronte ao 5% ao que chegarán os máis baixos. En definitiva, os funcionarios con menor soldo perderán un 2% respecto do que deberían cobrar se se lles ingresasen as dúas extras completas e os de maiores retribucións, até un 6%.
Ademais, e ao tempo qeu se anunciaban estes novos recortes, varios representantes sindicatis iniciaron un peche no edificio da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde se celebrou a reunión entre os sindicatos e o director xeral de Función Pública, José María Barreiro Díaz, para coñecer o recorte salarial . Fóra, ao redor de 200 traballadores concentráronse ás portas coincidindo co comezo da xuntanza.
Publicado 21/12/2012 en www.praza.com
Enlace permanente: pica aquí