Interinos: Prórroga da Bolsa


15 nov 2012



Logotipo Diario Oficial de Galicia
No Diario Oficial de Galicia número 216, do 13 de novembro de 2012, publícase a RESOLUCIÓN do 30 de outubro, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se prorroga a bolsa de interinos regulada na Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia e aprobada pola Resolución do 26 de abril de 2010 da Dirección Xeral de Xustiza.
Descargar PDF


Resolución



A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, establece que os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza poderán nomear funcionarios interinos por necesidade do servizo cando non sexa posible, coa urxencia exixida polas circunstancias, a prestación de servizos por funcionarios de carreira, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen por disposición da comunidade autónoma.
Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, e a teor do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o órgano encargado de exercer as competencias con respecto ao referido persoal é a Dirección Xeral de Xustiza.
Mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 10 de febreiro de 2009 regúlase a selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia (DOG número 43, do 3 de marzo).
A dita orde prevé no seu artigo 6.3 que as bolsas terán unha vixencia de dous anos, salvo que se esgote algunha das súas listas ou que, por modificacións lexislativas ou por circunstancias especiais, sexa necesario realizar unha nova convocatoria. Esta convocatoria anticipada requirirá a consulta previa á comisión paritaria de interinos.
Estando en proceso de negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza unha nova convocatoria, procede acordar a prórroga das actuais bolsas.
Con base no anteriormente exposto,
DISPOÑO:
Primeiro. Obxecto
Prorrogar a vixencia da bolsa de interinos regulada na Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, aprobada pola Resolución do 26 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Xustiza, durante seis meses desde a entrada en vigor da presente resolución ou, se for o caso, ata a resolución da convocatoria da nova bolsa de interinos.
Segundo. Recursos
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza, no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente, no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2012
Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza