A xustiza europea ve ilegais os desafiuzamentos en España por abusivos


8 nov 2012


A avogada xeral do Tribunal de Xustiza da UE (TUE), Juliane Kokott, ditaminou este xoves que a lei española de desafiuzamentos vulnera a normativa comunitaria porque non garante unha protección eficaz dos consumidores fronte a posibles cláusulas contractuais abusivas nas hipotecas.
A normativa española pode ser incompatible coa europea ao non permitir a un xuíz frear os desafiuzamentos
Aínda que é só unha opinión, a fiscal do TUE considera que a normativa española pode ser incompatible coa europea ao non permitirlle aun xuíz frear os desafiuzamentos, xa que o procurador europeo considera que un xuíz si debería poder deter un desaloxo se considera que hai cláusulas abusivas. De confirmarse este ditame nunha sentenza, crearíase xurisprudencia que permitiría frear outros desafiuzamentos, tal e como adianta a Cadena Ser.
O ditame da avogada xeral responde a unha cuestión presentada polo xulgado mercantil de Barcelona, que debe dirimir unha denuncia presentada por un cidadán contra CatalunyaCaixa, que forzou a súa expulsión da vivenda que ocupaba en xaneiro de 2011 por falta de pagamento da hipoteca.
O cidadán en cuestión solicita que se declare nula unha das cláusulas do préstamo hipotecario e que, en consecuencia, o procedemento xudicial de execución hipotecaria sexa considerado tamén nulo. Nas súas conclusións presentadas este xoves, a avogada xeral lembra en primeiro lugar que, ao non existir en dereito da UE unha harmonización das medidas de execución forzosa, corresponde aos estados membros establecer as modalidades procesuais.
O ditame precisa que a normativa estatal non pode obstaculiar a invocación dos dereitos do consumidor contra as cláusulas abusivas
No entanto, o ditame precisa que a regulación procesual estatal non pode conducir a que se obstaculice a invocación dos dereitos garantidos ao consumidor pola directiva europea contra as cláusulas contractuais abusivas. Neste sentido, a avogada xeral estima que "a regulación procesual española é incompatible coa directiva, pois menoscaba a eficacia da protección que esta persegue".
"Non constitúe unha protección efectiva contra as cláusulas abusivas do contrato o que o consumidor, por mor de ditas cláusulas, deba soportar indefenso a execución da hipoteca coa consecuente poxa forzosa da súa vivenda, a perda da propiedade que a acompaña e o desaloxo, e que só con posterioridade estea lexitimado para exercitar a acción de danos e prexuízos", resalta Kokott.
Ao contrario, a norma europea esixe "que o consumidor dispoña dun recurso legal eficaz para demostrar o carácter abusivo das cláusulas do seu contrato de préstamo, en virtude do cal, se se dá o caso, se poida deter a execución forzosa".
A avogada insiste en que o xuíz debe ter a posibilidade de suspender a execución forzosa ata que se comprobe o carácter abusivo do contrato
A avogada xeral insiste en que o xuíz debe ter a posibilidade de suspender a execución forzosa ata que se comprobe o carácter abusivo dunha cláusula contractual, de modo que se impida que o procedemento executivo cre en prexuízo do consumidor unha situación que posteriormente sexa de moi difícil ou imposible reparación.
O ditame da avogada xeral non ten carácter vinculante, pero o Tribunal segue as súas recomendacións no 80% dos casos. Os xuíces empezan agora a deliberar e a sentenza ditarase nun momento posterior.

Publicado o 08/11/2012 en www.praza.com

Enlace permanente: pica aquí