No día de hoxe a plataforma
unitaria dos sindicatos con representación en Xustiza da Coruña convocamos aos
traballadores a unha mobilización no
interior do edificio dos Novos Xulgados, con posterior saída a rúa ata a praza
da Audiencia, onde demos lectura a un manifesto consensuado entre todos os
sindicatos.
A resposta non se fixo esperar, máis de duascentas persoas, a práctica totalidade
do cadro de persoal dos edificios dos Novos Xulgados e da Audiencia, dixemos
basta xa á política de recortes e esiximos un cambio de rumbo nas políticas
ultraliberais. Seguimos sendo un exemplo reivindicativo na cidade, un modelo a
seguir que se espalla entre todos os centros de traballo. Estes días pasados,
ao repartir a folla convocándovos á mobilización, pedídesnos un paso máis e
ímolo dar. Notamos a vosa indignación.
Compartímola. E estamos máis que dispostos e preparados para levar a cabo o
voso mandato. Elixístesnos para facelo, e non só queremos facelo, é que temos
que facelo.
O domingo hai moitas opcións diferentes á política da Troika. Plantémoslle
cara ao abuso de poder, ao desprezo á sociedade, se queren sacrificios que din
que nos beneficiarán nun futuro incerto que busquen nas SICAVs, na evasión
fiscal, nas grandes fortunas, na racionalización do gasto dos políticos, nas
responsabilidades de banqueiros con indemnizacións millonarias. Non pode
ser que nós, os cidadáns, permanezamos
impasibles ante este atropelo, e é agora cando temos que utilizar o poder que
nos da a democracia, unha democracia case ficticia, cunha lei electoral
inxusta, pero democracia ao fin e ao cabo. Utilicemos a forza dos nosos votos
para poñerlle freo a esta apisoadora de dereitos sociais.
Pase o que pase, despois das eleccións imos a seguir, a loita non acaba
aquí. Na cidade da Coruña convocaremos unha asemblea para continuar a reclamar
o que tanto custou conseguir, temos que tombar unha Lei orgánica do poder xudicial
inxusta, clasista e ofensiva para os funcionarios. Necesitamos o voso respaldo
e a vosa implicación. Sen vós non o podemos conseguir, pero si somos unha soa
voz terannos que escoitar, e se non nos escoitan pasaremos o contraataque, sen
descartar ningunha medida reivindicativa por dura que sexa.
Ánimo e
adiante, compañeiros e compañeiras, xuntos podemos!
Galicia, 18 de outubro de 2012