Queremos Galego chama a non votarlle a Feijóo, que "compensa a ignorancia con chulería"


17 oct 2012



Hai este martes tres anos celebrouse en Compostela unha manifestación que sementou a preocupación no Goberno galego e aos seus titulares, retornados ao poder apenas seis meses antes. O que no gabinete de Alberto Núñez Feijóo se agardaba que fose unha protesta minoritaria e, en todo caso, moi marcada partidariamente, converteuse nunha manifestación tan numerosa como plural na idade e procedencia xeográfica e ideolóxica dos seus participantes, que responderon ao lema xenérico Queremos galego!, o mesmo que daba nome á plataforma acabada de nacer. Tres anos despois o aniversario cadra na recta final da campaña electoral e Queremos Galego vólvese reunir para convidar a facer o posible para que Alberto Núñez Feijóo non recunque na presidencia da Xunta: "non merece ser votado", di, en representación do colectivo, o debuxante Xosé Lois González, O Carrabouxo.
Nunha comparecencia ante a prensa seguida por múltiples medios privados e só unha televisión pública, a catalá TV3, a plataforma apelou, en verbas d'O Carrabouxo, a "rescatar Galiza deste home", xa que "os dirixentes dos países prósperos defenden o seu idioma con unllas e dentes. No mesmo sentido pronúnciase outro dos voceiros de Queremos Galego, o tamén presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. Na súa opinnión o labor de Feijóo cara á lingua galega "foi unha calamidade", por iso "non lle convén ao país". Nin sequera en campaña electoral, reprocha, Feijóo "aproveita para coñecer a realidade" a respecto da lingua galega en ámbitos como o ensino, onde, lembra, o galego foi "varrido" na súa práctica totalidade e relegado a un raquítico 3%. Pero o líder conservador "compensa a súa ignorancia con chulería" e "non só non defende" o idioma propio, "senón que o ataca".
O colectivo lembrará as súas reivindicacións en Twitter o xoves 18 entre as 12:00 e as 13:00
Por todo isto, explica Callón, Queremos galego "anima a todas as persoas que teñan sensibilidade" cara á lingua galega, "utilicen a lingua que utilicen" na súa vida diaria, a que "voten en galego" o día 21 e a que, "ademais de votaren, se mobilicen" e espallen "a mensaxe de que Feijóo nin merece ser reelixido nin nos convén", tampouco tras unha campaña electoral na que "o desfase entre a propaganda de que o galego se impón e a realidade é enorme". Nesta liña, Callón pregúntase "de que equilibrio" fala o PP entre galego e castelán cando, por exemplo, é practicamente imposible acceder a instancias oficiais como a Xustiza na lingua propia do país.
Tanto o chamamento a rexeitar a Feijóo nas urnas como a propia conmemoración do terceiro aniversario da manifestación de Compostela tentará plasmala Queremos Galego este xoves tamén a través de  Twitter, nomeadamente entre as 12:00 e as 13:00. Nesa hora o colectivo tentará converter en trending topic -tema do momento- dous hashtags, un "moi longo" e outro de menor dimensión. O máis longo lembra a "destrución de 190.000 libros" por parte da Xunta, "só por estar en galego" -en referencia ao gasto de máis de dous millóns de euros en substituír manuais escolares en galego pola súa versión castelá- e será#OHomeQueOrdenouAMaiorDestruciónDeLibrosDesde1936NonMereceSerReelixidoPresidenteDaXunta. Deste xeito, din, tentarán "superar" parcialmente a "morzada mediática" á que Queremos Galego está sometida, por exemplo, nos medios públicos galegos.

Publicado o 17/10/2012 en www.praza.com
Enlace permanente: pincha aquí