O PP sabe que a súa marxe para gañar as eleccións galegas é limitada. Por iso o Goberno de Mariano Rajoy adiou a petición do temido rescate até despois dos comicios do 21O.
Agora, co sufraxio dentro de catro días, a prensa internacional xa dá por descontando que España solicitará a "axuda financeira". A pregunta clave é que novos recortes terán que asumir os cidadáns a cambio dos cartos para salvar as quebradas finanzas do Estado, incapaz de financiarse nos mesmos mercados que axudou a rescatar con cartos públicos.
Financial Times, a 'biblia' dos mercados en Europa, cita a unha fonte do Ministerio de Economía para dar por seguro, na súa portada, a solicitude. O mesmo funcionario desbota unha petición "inmediata" pero fala abertamente de que o Executivo está a negociar as condicións desta "liña de crédito" para que sexa o Banco Central Europeo quen comece a mercar inmediatamente débeda española, explica o Wall Street Journal.
Ninguén dá cartos a cambio de nada
Hai algunha diferencia para os cidadáns? En principio non, pois as dúas solucións significarán que España teña que cumprir unhas condicións estritas. É dicir, controlar máis e a curto prazo o déficit público. Cunha economía en franca recesión, até o 3% o próximo ano, só hai unha maneira de lograr menos números vermellos nas contas públicas: máis recortes.
Que retivo todos estes meses a Rajoy para pedir o rescate? O presidente de España negará calquera influencia electoral. Agora ben, é un feito que a primeira vez que unha fonte oficial española filtra á prensa internacional que se estuda xa pedir o rescate chega a unha semana dos comicios.
A tarefa por diante da prensa de dereitas
Mentres, en Galicia o candidato do PPdeG sacaba peito en Vigo presumindo que a súa "austeridade" permitiou "despexar o risco dun rescate" e darlle ao país "maior credibilidade".
Alberto Nuñez Feijóo sabe que ningunha opinión pública é quen de crerse que un país é rescatado sen que se lle impoñan condicións. Unha tarefa, convencer aos españoles de que os cartos de Europa chegan sen que haxa que facer máis recortes, na que o Goberno de España e os seus aliados mediáticos botarán o resto. Farano, iso si, unha vez que galegos e vascos depositen os seus votos nas urnas este domingo.
Publicado o 17/10/2012 en www.galiciaconfidencial.com
Enlace permanente: pincha aquí