CCOO e UGT manteñen as manifestacións prohibidas polas xuntas electorais


8 oct 2012



CCOO e UGT manteñen a convocatoria das manifestacións que o Cumio Social celebra este luns e que foran prohibidas nas provincias de Ourense e Pontevedra polas respectivas xuntas electorais. Alegando que coinciden coa campaña, o veto chegou para as marchas das capitais de provincias e de Vigo, pero non para o resto de protestas que se celebrarán na Coruña, Ferrol, Santiago ou Lugo.
Os sindicatos agardan a decisión que tome o TSXG tras o recurso presentado pola prohibición das xuntas electorais
Os secretarios xerais de UGT e CCOO en Galicia, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez Aguión, confirmaron na mañá deste luns que manteñen todas as convocatorias, incluídas as prohibidas polas xuntas electorais, aínda que están á espera de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) se pronuncie tras o recurso interposto polas dúas organizacións.
"A prohibición é inaudita", aseguraron os líderes sindicais, que anunciaron tamén a súa presenza na mobilización de Vigo, unha das que está prohibida. Malia iso, fontes da subdelegación do Goberno aseguraron a varias axencias de noticias que se os convocantes insisten en celebrar as marchas, darán ordes ás forzas de seguridade para impedilas.
Para os sindicatos, o PP quere "amedrentar e enmudecer o cabreo cidadán" contra os recortes e censuraron o feito de que se prohibisen  unhas marchas e non outras. "A manifestación sairá si ou si", dixeron en referencia á marcha de Vigo, onde teñen previsto convocarse en Vía Norte con Urzaiz ás 20 horas.
Ademais, os dous líderes sindicais aclararon que as marchas non se enmcarcan dentro da campaña, senón no movemento europeo pola industria e o emprego, que aproveita a celebración da Xornada en Defensa da Industria para celebrar as protestas. Do mesmo xeito, lembran que outras mobilizacións xa se levaron a cabo noutros puntos de Estado, incluída Euskadi, onde tamén se celebran comicios.
Tamén explicaron que recibiron a notificación das xuntas electorais por medio das subdelegacións do Goberno, pero sen coñecer aínda se a prohibición chegou a iniciativa do Executivo, se foi de oficio ou se houbo unha denuncia de parte. Así, advirten que estas comunicacións non achegan motivos e son contrarias á xurisprudencia do Tribunal Constitucional, que sempre primou os dereitos fundamentais de reunión e manifestación. 
A Subdelegación do Goberno dará ordes ás forzas de seguridade para impedir as manifestacións
A convocatoria foi realizada polo Cumio Social, que agrupa 150 organizacións sociais de todo tipo, entre as que sobrancean os sindicatos CC.OO. e UGT. O secretario xeral de Comisións, Ignacio Fernández-Toxo, xa denunciara que no existe ningún elemento na lexislación que xustifique a prohibición, que cualificou de "auténtico atropelo ao dereito básico de manifestación".
Hai uns días a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra prohibiu unha convocatoria as ONGs galegas para celebrar o 17 de outubro o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A convocatoria, que si foi autorizada no Pais Vasco, consistía na representación dunha obra de teatro na Porta do Sol de Vigo e despois unha concentración pacífica coa lectura dun manifiesto ao final.

Publicado en www.praza.com