A guerra sucia dos partidos galegos na Rede


11 sept 2012


A vitoria depende duns miles de votos e hai menos diñeiro para propaganda. GC desvela algúns dos trucos máis ou menos honestos para desgastar a imaxe dos rivais nesta campaña.


Alberto Nuñez Feijóo prometeu cando era o candidato Feijo09 acabar co paro en 45 días. A maioría dos lectores do GC tardarán décimas de segundo en cualificar de certa esta frase. Ao fin ao acabo lérona ducias de veces durante esta lexislatura. Mesmo a oposición botoullo en cara ao presidente na Xunta varias veces no Parlamento!



As comiñas dos 45 días

Agora tenten atopar a cita textual nalgunha crónica dun mitin do líder conservador en 2009. Ou no seu programa. Ou nalgunha entrevista daquela ...

Non se esforcen moito, pois fracasarán. Como fracasou a semana pasada un traballador dun partido da oposición. Andaba a buscar estes días o 'corte' para incluílo nun Youtube 'anti-Feijóo' para lanzar esta campaña. Tras indagar horas, tivo que admitir que os famosos 45 días era unha lenda alimentada na Internet.

Sirva esta anécdota de exemplo de dúas cousas. A primeira, o poder da Rede para converter un rumor en realidade política. A segunda, a explotación do 'lado oscuro' do ciberespazo que fan a maioría dos partidos galegos nesta precampaña.


Os powerpoints do PPdeG

Esta guerra suxa ten certa tradición na política galega. En 2009 aos correos electrónicos das redaccións chegaban a diario Powerpoints sobre 'villa PSOE' e outras presuntas corruptelas da "malgastadora" era Touriño. Mirando o campo de propiedades do arquivo, podíase comprobar que o Powerpoint fixérase no ordenador dun coñecido xornalista, xa daquela membro do equipo de comunicación de Feijóo e hoxe premiado como un dos membros do Consello da Administración dunha importante empresa pública.

Estamos en 2012 e os powerpoints están máis anticuados que os zapatos de punta quilomética. Hoxe Twitter e outras redes sociais dominan construcción da opinión pública.


Quen está detrás dos twitters parodia?

Nos últimos meses inzan os perfís paródicos de políticos galegos. Unha 'plaga' que sofren sobre todo os persoeiros do galeguismo.

Un dos últimos é X.M. Beiras Tostado, 'alterego' do líder de Anova Irmandade Nacionalista. Como era de agardar, hai moita retranca en contra do pacto irmandiño con Esquerda Unida. O catedrático de Económicas é un dos poucos políticos coa 'honra' de inspirar dúas parodias, pois hai outro BeirrasIrritado.

Tamén apandan co seu Rafael Cuíña, dirixente de Compromiso por Galicia, e a súa sombraRajaCuinha ou o xa clásico, por pioneiro, PacoUPG, parodia de Francisco Rodríguez, ex-líder e principal referente ideolóxico da Unión do Pobo Galego, o partido máis numeroso dentro do Bloque.

Máis novos son aínda Pachi Enfurecido (alterego de Manuel Vázquez, candidato do PSdeG) e Feijóo Enfurecido (parodia do máximo mandatario galego). Detrás de todas estas parodias están rivais políticos dos persoeiros parodiados e, nalgún caso, traballadores doutros partidos.

Outra vía para crear opinión valéndose do anonimato da rede son os comentarios nos xornais electrónicos. O propio presidente da Xunta animou nunha reunión a xefes de prensa do Goberno e a cargos do PP a atallar a avalancha de críticas que sofren os 'populares' ante os recortes. "Estanos a derrotar totalmente na Internet", laiouse.


Feijóo e os comentarios nos diarios electrónicos

Ao día seguinte, en GC, cuarto diario electrónico con máis audiencia, comezaban a aparecer comentarios con enlaces ás hemerotecas de La Voz e El Correo, lembrando os supostos malgastos do bipartito.

Unha variedade máis elaborada deste truco consiste en entrar nos "chats" das emisoras de radio, tentando que as súas opinións se colen entren as seleccionadas para ser lidas en antena. GC coñece polo menos un caso dun traballador dun partido que fixo iso en Hora 25 da Cadena Ser. Logo foi contratado como persoal de gabinete da Xunta bipartita.

E é que na campaña, como no amor e na guerra, todo vale. Máis cando non hai tantos cartos para propaganda como 2009. Permanezan, pois, atentos as súas pantallas; pero fágano sempre preguntándose quen se agocha neste xogo de máscaras.

Publicado o 10/09/2012 en www.galiciaconfidencial.com

Enlace permanente: pincha aquí