Cursos de linguaxe administrativa e preparatorios para os Celga nas escolas oficiais de idiomas


23 ago 2012


No DOG do 22 de agosto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega gratuítos, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas entre setembro de 2012 e febreiro de 2013.

Por unha banda, trátase de cursos de linguaxe administrativa de niveis medio e superior. Estes cursos de linguaxe especializada van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, agás persoal docente da Consellería de Educación e persoal sanitario. No caso de que non se cubran todas as prazas con este perfil profesional, admitiranse persoas que que non sexan traballadores da Administración pública.

A outra modalidade de cursos ofertados son os preparatorios para obter os certificados de lingua galega (Celga). Estes cursos poden ser solicitados por calquera persoa maior de 16 anos ou que acade esta idade durante o 2012.

Prazo para as solicitudes

No caso dos cursos de linguaxe administrativa, o día límite para presentar as solicitudes é o 10 de setembro. Poderá empregarse o modelo de solicitude da convocatoria e entregarse na escola oficial de idiomas correspondente, ou recorrer á presentación electrónica en https://sede.xunta.es

Para os cursos preparatorios dos Celga, pódense presentar as solicitudes ata 5 días antes do inicio do correspondente curso.

Máis información na convocatoria completa.