Acaba de publicarse o programa anual de vacacións para o persoal  funcionario da Administración de xustiza que presta servizos en Galicia  para o presente ano 2012. Para unha maior comodidade e unha mellor xestión, as  solicitudes poderán ser cursadas a través da Oficina Virtual do  Persoal da Administración de Xustiza (AIX) sen necesidade do uso de papel na  súa tramitación.
Unha vez feitas as solicitudes, asínanse electronicamente co certificado de  empregado público que contén a nova tarxeta identificativa, co DNI electrónico ou con  calquera certificado emitido pola FNMT. Estas peticións pasan directamente á  caixa de correo do superior  funcional para a súa validación e sinatura electrónica. Despois desta  segunda sinatura, a petición trasládase ao servizo de Xustiza correspondente  para a súa resolución.
Con esta nova ferramenta o estado das solicitudes está visible en  todo momento tanto para o persoal solicitante como para o superior  funcional, e supón unha mellora nos tempos de tramitación e un aforro no que a  custos materiais se refire.
Os destinatarios deste programa son os funcionarios dos corpos ao servizo  da Administración de xustiza (corpos de médicos forenses, de xestión procesual  e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio  xudicial) en servizo activo. As condicións, a planificación e os baremos pódense  consultar no Programa anual de vacacións 2012.
